Os obradoiros de verán das escolas infantís municipais ofertan 45 prazas de conciliación para nenos e nenas de 3 a 8 anos

Os obradoiros de verán das escolas infantís municipais ofertan 45 prazas de conciliación para nenos e nenas de 3 a 8 anos
Os obradoiros de verán das escolas infantís municipais ofertan 45 prazas de conciliación para nenos e nenas de 3 a 8 anos

O concelleiro de Educación e Mocidade, Rubén Prol, presentou hoxe os "Obradoiros de verán" das Escolas Infantís Municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, que ofertan un total de 45 prazas, 15 por centro. Están dirixidos a nenos e nenas empadroadas en Santiago, ou que cursen os seus estudos en centros de educación infantil e primaria desta cidade, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos, é dicir, segundo ciclo de educación infantil e primeiro e segundo de educación primaria.

A data de inscrición para o alumnado xa matriculado abriuse este luns, 3 de maio, e pecharase o 10 de maio. Para as novas solicitudes o prazo establécese entre o 14 e o 25 de maio. Acompañando a Rubén Prol estivo o concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, presentando "Vive o verán 2021, que oferta outras 150 prazas de conciliación. Tanto as actividades programadas polos departamentos de Educación e Mocidade, como as organizadas pola rede de CSC, forman parte dun proxecto máis amplo denominado Educa-Concilia que, ademais de axudar na conciliación laboral e familiar, ofrece aos menores unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia.


Nestes obradoiros, a cativada atopa unha proposta diferente e lúdica e cuns obxectivos específicos, que son:

a sensibilizacion, de forma divertida con diferentes disciplinas artísticas.

o fomento da curiosidade, as gañas de aprender e de descubrir novas aventuras.

o desenvolvemento da autonomía persoal no día a día.

o coñecemeto de diferentes actividades lúdicas de lecer e tempo libre.

a promoción de actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade.

o fomento do compañeirismo e a tolerancia a través de actividades de traballo en equipo.

o coñecemento da contorna que os rodea.

Para acadar estes obxectivos programouse, para cada un dos días laborables da semana, un obradoiro distinto. Estarán relacionados coa arte, a ciencia e a experimentación, a cociña, distintas manualidades para fomentar a súa creatividade, e xogos populares, que beneficia as súas habilidades psicomotrices, sociais e de autoestima.

Os obradoiros de verán permanecerán abertos do 1 ao 31 de xullo, e do 1 o 30 de agosto, agás sábados, domingos e festivos. O horario é de dez da mañá a dúas da tarde, coa posiblidade de solicitar o servizo de almorzo (de nove a dez); e de comedor (de dúas a tres da tarde). Para facilitar a conciliación tamén se engaden horas a maiores, entre as sete e media e as dez da mañá, e entre as tres e as catro da tarde.

De xeito paralelo, o concello de Santiago, a través da concellaría de Mocidade, colabora con distintas entidades, cubrindo así a demanda de conciliación a partir dos 14 anos.

En concreto, Rubén Prol citou un campamento de actividades naúticas, do 2 ao 9 de xullo en Oleiros, que oferta 20 prazas para menores de entre 14 a 17 anos; un campamento urbano en colaboración co Centro Don Bosco, na primeira quincena de agosto, destinado a mozos e mozas de 14 a 18 anos; un programa de educación ambiental con roteiros por espazos naturais de Santiago que se completa cunha serie de obradoiros de cosmética natural, plantas medicinais, etc.; e un campo de traballo centrado en actividades medioambientais, que se desenvolverá nas instalacións do Monte do Gozo. Estes dous últimos campamentos están organizados pola Escola de Tempo Libre Garatuxa.

Todas estas actividades, as de Educación e Mocidade e as de Centros Socioculturais, ofrecen unha total seguridade, xa que se rixen por un estricto protocolo covid, igual que o resto de accións programadas desde o concello de Santiago. 

Comentarios