Un libro reúne relatos de Pardo Bazán inspirados en Santiago

Un libro reúne relatos de Pardo Bazán inspirados en Santiago
Un libro reúne relatos de Pardo Bazán inspirados en Santiago

A edición está preparada polo profesor José Manuel González Herrán e inclúe manuscritos e ilustracións orixinais moi pouco coñecidas

Coincidindo co centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, o Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora sacan á luz “El peregrino y otras historias de Compostela”. A publicación preparouna un dos maiores expertos na obra da escritora, José Manuel González Herrán, catedrático de Literatura Española e Profesor Emérito da Universidade de Santiago. Reúne os contos e novelas curtas que Pardo Bazán ambientou na cidade de Santiago de Compostela. Inclúe manuscritos e ilustracións orixinais moi pouco coñecidas.

Santiago de Compostela é, xunto coa Coruña, Madrid e París, o espazo preferente -tanto literario como vital- de Emilia Pardo Bazán. Este volume recolle un total de trece narracións da ilustre escritora (dez contos, dúas novelas curtas e o comezo dunha novela inconclusa), nas que a cidade compostelá é escenario, inspiración ou referencia.

Algúns dos relatos están baseados en singulares feitos reais, como a historia daquela monxa de clausura que, cando se descolgaba desde a reixa da súa cela, no muro de San Paio de Antealtares, para fuxir co seu amado, se estrela nas laxas da Quintana; ou esa logradísima novela de maxia e bruxaría titulada Belcebú; ou o conto La Cana, todo un pioneiro no xénero policial; ou a historia daquela santa que vivía sen inxerir máis alimento que a comuñón diaria... Cada narración vai precedida dun breve texto explicativo, onde se precisan os vínculos con Compostela e, ao final de cada relato, indícase onde se publicou.

A publicación ábrese cun poema escrito por Pardo Bazán aos 14 ou 15 anos, a primeira presenza da cidade compostelá na súa obra

Este sedutor rescate editorial ábrese cun poema escrito pola autora aos 14 ou 15 anos, e dedicado, tamén, a Compostela. Tal como explica González Herrán, “constitúe a primeira presenza da cidade do Apóstolo na súa escritura. Trátase dun poema pouco coñecido da xove Emilia, datado por ela mesma en 1866, coidadosamente copiado con pulcra caligrafía no Álbum de poesías regalado ao seu amigo José Lázaro Galdiano, e que actualmente se conserva no Arquivo da súa Fundación, en Madrid”.

“Tras pasar algúns días na cidade, e seguindo un costume usual na época, a rapaza escribe estes versos para o álbum de Teresa Rúa, posiblemente pariente súa, e cabe supoñer que como agradecemento polos días pasados na súa compañía, talvez na súa casa. É unha despedida da cidade, lamentando abandonar esa `tranquila ciudad hermosa / de tantos recuerdos llena´ -sinala González Herrán-. O profesor indica que neste poema advírtese “o temperán atractivo que Santiago de Compostela espertou na xove Emilia Pardo Bazán”.

Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921) está considerada como a mellor novelista española do século XIX e unha das máis destacadas e prolíficas escritoras españolas de todos os tempos; autora de centos de contos, libros de viaxes, novelas e ensaios. Foi unha firme defensora dos dereitos das mulleres. Entre as súas novelas destacan La Tribuna (1883) ou Los Pazos de Ulloa (1887) e entre as biografías, San Francisco. Siglo XIII (1882), publicada tamén por Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago en 2014 e que a autora consideraba unha das súas obras máis logradas.

Comentarios