Concello e Cruz Vermella poñen en marcha o Servizo Municipal de Urxencias Sociai

Concello e Cruz Vermella poñen en marcha o Servizo Municipal de Urxencias Sociai
Concello e Cruz Vermella poñen en marcha o Servizo Municipal de Urxencias Sociai

A concelleira responsable de Políticas Sociais, Mila Castro, o presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Santiago de Compostela, José Luis Barreiro Conde, e a coordinadora da mesma entidade, Rocío Ovalle, presentaron o novo Servizo Municipal de Urxencias Sociais, SEMUS Compostela, co que se ofrecerá de xeito inmediato unha atención especializada ás persoas que, de forma imprevista, se atopan en situación de vulnerabilidade social. O proxecto ponse en marcha coa cofinanciación da Deputación da Coruña.

Os obxectivos deste novo servizo posto en funcionamiento coa colaboración de ambas entidades son claros: por unha banda, complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais e doutros dispositivos públicos ou privados nos horarios nos que estes non están operativos. Por outra, apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, cando no desenvolvemento das súas funcións se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta, como é o caso dos equipos de inclusión social de Cruz Vermella.


A concelleira Mila Castro amosou a súa satisfacción pola posta en marcha do servizo, que hoxe entra en funcionamento. "Sabemos que as urxencias que pode padecer a poboación da nosa cidade non teñen horario, e desde o Concello queremos ter respostas articuladas a estas situacións tamén cando os servizos sociais non están operativos". A edila tamén salientou que "ademais da resposta ás urxencias sociais, con este servizo queremos reforzar o noso traballo coas persoas sen fogar, ampliando a súa atención nas rutas de rúa que se realizan varias veces por semana, mellorando a coordinación cos servizos sociais e o resto de entidades, así como dar unha maior cobertura durante vagas de frío ou de calor".

O servizo estará integrado por tres profesionais de Cruz Vermella e dez voluntarias e voluntarios, como indicou o presidente da Asemblea comarcal de Cruz Vermella, José Luis Barreiro, que agradeceu a colaboración e confinza do Concello.

Funcionamento do SEMUS Compostela
Trátase dun servizo que cubrirá as urxencias de carácter social cando os Servizos Sociais Municipais non estean operativos, realizando as súas intervencións no lugar onde se xera a urxencia social, cun tempo de resposta moi breve e ofrecendo solucións acordes ao contexto no que se producen. Neste sentido, o SEMUS estará dispoñible os 365 días do ano, entre semana en horario de 00:00 a 8h e de 15h a 24h, e sábados, domingos e festivos 24h.

Para activar o servizo, a Policía Local e as institucións e organismos que interveñen en emerxencias deberán chamar ao Centro de Coordinación de Galicia de Cruz Vermella. A cidadanía que presencie algunha situación de urxencia ou precise asistencia, deberá chamar ao 112, o número único de emerxencias, ou á Policía Local, e serán estes quenes activen os recursos necesarios en cada caso.

Tres tipos de intervención
Como explicou Rocío Ovalle, coordinadora da Cruz Vermella en Santiago, entre as actividades que está previsto que realice o Servizo Municipal de Urxencias Sociais compre destacar a activación en urxenciais sociais, nas que é necesaria unha intervención rápida como pode ser o caso de caídas de persoas maiores, menores en situación de risco, mulleres vítimas de violencia, persoas sen fogar, damnificados por incendios ou derrubas, situacións de rúa sobrevindas, violencia familiar, entre outros.

En segundo lugar, o equipo do SEMUS Compostela realizará semanalmente saídas coa unidade móbil para dar apoio ás persoas sen fogar que pernoctan nas rúas da cidade. Estas realizaránse de maneira coordinada co equipo de Atención a Persoas sen Fogar de Cruz Vermella Santiago e os Servizos Sociais do Concello de Santiago de Compostela que solicita confirmación de localizacións, busca de usuarios aos que non ten localizados, ou entrega de recados a usuarios concretos, ademais de informar das demandas que realizan e enviar informes da situación na que se atopan.

En terceiro lugar, realizaranse dispositivos especiais de climatoloxía adversa, é dicir, saídas para a realización de rutas nos días en que hai alertas por variacións bruscas nas condicións climáticas que poden supor un risco ou perigo para as persoas que pernoitan na rúa. 
Comentarios