Rois anuncia as Festas do Santo Isidro 2021 cun cartel da orfebre Sonia Ares

Rois anuncia as Festas do Santo Isidro 2021 cun cartel da orfebre Sonia Ares
Rois anuncia as Festas do Santo Isidro 2021 cun cartel da orfebre Sonia Ares

O programa festivo inclúe un concerto virtual da Escola de Música e dous espectáculos de maxia de Dani Polo

Rois xa ten cartel para as festas do Santo Isidro Labrador do presente ano 2021. A orfebre Sonia Ares, veciña da parroquia de Liñares, resultou vencedora do concurso que o Concello promoveu para elixilo. Actuaron como xurado a concelleira de Cultura Victoria Quiroga, en representación do alcalde; a profesora de plástica nos Dices Susana Rodríguez Alamparte; a fotógrafa Lara Barreiro; e a estudante de deseño Estela Otero.

O programa de festas elaborouse pensando nas restricións sanitarias por causa da pandemia da covid-19. Contará con actividades deportivas, música, maxia e, por suposto, a tradicional misa solemne en honor ao santo.

O sábado 15, o propio día do Santo Isidro, a veciñanza poderá gozar a través da canle de Youtube do Concello dun concerto virtual ofrecido polo alumnado da Escola Municipal de Música de Rois. A partir das 16:30, o auditorio municipal acollerá un espectáculo de maxia de Dani Polo. A misa solemne, pola súa parte, terá lugar ás 18:00 na igrexa parroquial de San Mamede. A xornada festiva rematará co concerto de Queiman e Pousa ‘Un verso, un cantar’, que comezará ás 19:00 horas no campo da festa de Rois.

O domingo 16 Dani Polo volverá coa súa maxia ao auditorio de Rois ás 19:30 horas. Para asistir a esta representación, tanto sábado coma domingo e por limitacións de aforo, é preciso reservar entradas entre o 10 e o 14 de maio no número de teléfono 981 81 60 61.

Competicións deportivas

O programa do Santo Isidro préstalle atención á especialidades deportivas con gran tradición dentro do municipio. Así, chegará á súa cuarta edición o torneo de Enduro Concello de Rois. Desenvolverase sábado 15 e domingo 16 con saída e chegada no Galipark e paso por terreos de Oín, Cornes, Sorribas, Reibó, Vilar de Abade e San Miguel de Costa.

O seguinte sábado, día 22 de maio, tocaralle a quenda á celebración da XIII Andaina por Parellas Concello de Rois. As persoas participantes comezarán a saír ás 16:30 horas do pavillón dos Dices. As inscricións faranse no correo electrónico www.andainabisbarradosar.com e teñen un custo por parella de dez euros.

Comentarios
Lo más