Lousame recupera as actividades culturais en maio con motivo da celebración do Día das Letras Galegas

Lousame recupera as actividades culturais en maio con motivo da celebración do Día das Letras Galegas
Lousame recupera as actividades culturais en maio con motivo da celebración do Día das Letras Galegas

Con un estrito protocolo de seguridade o departamento de Cultura organiza varias actividades ao longo do mes

O Concello de Lousame deseña un completo programa cultural para o mes de maio centrado na celebración das Letras Galegas. O prato forte da programación terá lugar o sábado 15 de maio na praza do Concello, onde se celebrará a XIX Festa do Galego con actividades lúdicas para nenos e nenas con obradoiros culturais ‘Infantilandia’, música a cargo do piscadiscos infantil Marífaltri e coa animación de Fantoches Baj con ‘Os velocíclopes’. O obxectivo é que sexa unha xornada educativa na que a cativada afonde na cultura dun xeito divertido. Ademais nesta xornada tamén se difundirá a exposición Xela Arias, ‘Aquela nena de Sarria’. As entradas para a Festa do Galego serán únicas para todo o evento –non poderán dividirse por actividade- e xestionáranse a través do BandoTicket.

Dende o departamento de Cultura xestionan a ocupación e as capacidades máximas con este sistema dixital, o BandoTicket, a través do que os usuarios e usuarias poden conseguir as entradas para os eventos que se celebren no municipio. A iniciativa púxose en marcha coa recepción dos Reis Magos e permite que as persoas que queiran asistir a un evento local, poidan retirar de xeito gratuíto a súa entrada a través desta plataforma. Tras realizar o rexistro os usuarios reciben un correo electrónico na súa conta persoal, no que se lles facilita o acceso a un código QR, que o día do acto deben mostrar para a súa verificación na propia xornada antes de acceder ao espazo do evento.

A través destas actividades, o Executivo local de Lousame pretende recuperar, con moita cautela e con estritas medidas de seguridade sanitaria, a actividade cultural no municipio. “A nosa intención é volver ofrecer cada vez máis propostas culturais á veciñanza. Se ben, a seguridade é o primeiro para nós, polo que sempre daremos prioridade ás normas determinadas polas autoridades sanitarias”, explicou Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura.

Máis actividades

A tradicional homenaxe á figura de Zernadas de Castro cunha ofrenda floral, terá lugar ás 12:00 horas no busto do cura de Fruime, se ben este ano polas medidas de seguridade sanitaria non será un acto público senón que se difundirá posteriormente a través das redes sociais. En relación con Zernadas de Castro, o departamento de Cultura deseñou unha mostra virtual e física con diferentes paneis sobre este promotor do coñecemento na sociedade lousamiá.

A exposición inaugurarase na Casa da Cultura o 28 de maio, e estará dispoñible para visitas durante dous meses.

Pola súa banda, o Club de Xubilados inaugurará o 17 de maio ás 12:00 horas unha exposición fotográfica na súa sede. A mostra está destinada a converterse nunha exposición permanente.

Dende a concellaría de Cultura tamén prepararon recursos didácticos a través do portal de lingua.gal a través do Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021. Así, ‘Xacobeando’ quedará publicado o 5 de maio, o ‘Circo Atlántico’ o día 19 e ‘Falar sen Cancelas’ o día 26 de maio.

Comentarios