O concello de Santiago homenaxea a Xela Arias con distintas actividades, concertos, exposicións e roteiros

O concello de Santiago homenaxea a Xela Arias con distintas actividades, concertos, exposicións e roteiros
O concello de Santiago homenaxea a Xela Arias con distintas actividades, concertos, exposicións e roteiros

O concello de Santiago homenaxea a Xela Arias, a quen este ano se lle adica o día das Letras Galegas, con exposicións, concertos, roteiros, obradoiros e outras actividades que se desenvolverán en distintos espazos da cidade. Están programadas polas concellarías de Acción Cultural, Educación, e Centros Socioculturais, e teñen como obxectivo dar a coñecer a figura e a obra da autora de Sarria.

A exposición ‘Xela Arias. A Poesía do Retrato’ é o principal evento que a concellaría de Acción Cultural organiza con motivo do Día das Letras Galegas. Inaugurarase o 17 de maio ás seis da tarde. Contará coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña; e a familia da autora. Será na Zona C, o novo espazo cultural do concello situado na Praza de Cervantes. Permanecerá aberta ata o 25 de xullo no horario habitual do espazo con entrada de balde. Recolle corenta retratos feitos por Xulio Gil nos anos 80 e 90 cando era parella de Arias, acompañados de corenta textos poéticos.


A outra actividade que ofrecerá a concellaría de Accion Cultural nesta programación especial é o concerto ‘Vencerse é cousa de se tratar’, que se celebra no Teatro Principal o martes 18 ás oito e media da tarde. Trátase dunha peza escénica de Fernando Abreu no que Mónica de Nut porá voz aos poemas de Xela Arias mesturándose cos recitados gravados da propia autora e tamén interactuará cos músicos Abreu e Pablo Carrera. Roi Fernández encárgase do cinema en directo nun evento que ten entrada de balde, previa retirada de convite desde luns ás dez da mañá en compostelacultura.gal e despois no horario habitual da Zona C. Punto de Información Cultural.

Roteiros
Hoxe sábado, día 15, mañá domingo e o luns 17 de maio, a concellaría de Acción Cultural organiza tres roteiros baixo o nome ‘(Re)coñecendo a Xela Arias‘. Tres paseos, que siarán da Praza de Fonseca, xunto á fonte, ás seis da tarde, e que teñen como obxectivo. recoñecer unha muller comprometida coa lingua e coas letras. Amosárannos a Xela Arias editora, tradutora, poeta rupturista e mestra, coa súa voz, transgresora e única, que pretendía romper coas desigualdades e dignificar a nosa lingua. As persoas que desexen asistir deben inscribirse no no correo electrónico paseos.compostela@maos.gal. Hai un límite de 20 persoas por sesión.

O Departamento de Educación e a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela tamén programou un roteiro de homenaxe a Xela Arias polo parque de Vista Alegre (Finca Simeón), o vindeiro 18 de maio. Nel sucederanse diferentes actuacións musicais que acompañarán ao recitado de poemas da autora. Hai prevista tres sesións: ás 18:30 h., ás 18:45 h. e ás 19:00 h. O punto de encontro é a porta de entrada ao parque situada na rúa Pelamios.
A actividade, na que participarán os Coros PEX dos martes, o Coro Xuvenil, a Orquestra e a Bandiña, estará limitada a un número máximo de 40 persoas por cada unha das tres sesións. Despois de oito paradas, finalizará na entrada principal da Escola Municipal de Música.

Actividades nos Centros Socioculturais
A rede de centro socioculturais xa ven realizando, desde hai unha semana, distintas actividades que teñen como obxectivo achegar a pequenos e maiores a figura e a obra de Xela Arias. Actividades que se prolongarán durante a semana das Letras Galegas. Para os días 18 e 20 de maio, o CSC do Castiñeiriño programou o obradoiro "Con Xela na granxa escola" dirixida á cativada de entre 5 e 8 anos.

A maiores, nos vindeiros días, vanse desenvolver tres xogos de pistas e preguntas en torno ao Día das Letras Galegas: unha "Xincana das letras" o martes, día 18 no centro sociocultural de Conxo para menores de 6 a 11 anos; unha "Xincana litearia" no CSC do Castiñeiriño para a cativada de 8 a 12 anos; e un "Trivial Letras Galegas, no CSC de Fontiñas, o sábado 22 de maio, para nenos e nenas a partir de 6 anos.

Todo este programa completarase con recomendacións de lecturas de Xela Arias nas redes sociais; coa mostra bibliográfica "As letras galegas", que permanecerá nos Centros Socioculturais de Fontiñas e de Santa Marta durante toda a semana; e a actividade "Saímos a buscar historias. Solta de libros", programada polo CSC de Santa Marta tamén na semana das Letras Galegas.

En canto ás actividades para maiores, ata o 20 de maio terá lugar no CSC do Romaño "Coñecendo e homenaxenado a Xela Arias; o mércores, 19 no CSC de Fontiñas, desenvolverase "Encontro con Xela Arias"; e o venres 21, ás 16:30 h., o CSC da Trisca programou unha vista á Biblioteca de Galicia para ver a exposición "Día das Letras Galegas 2021".

Biografía e obra

Xela Arias Castaño naceu en Sarria en 1962. Filla do escritor Valentín Arias, foi unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea e sobresaíu tamén como editora e tradutora. Foi profesora en varios institutos, entre eles o Xelmírez II, en Santiago. A pesares de que faleceu en 2003, con 41 anos, deixou unha importante obra poética: "Denuncia do equilibrio" (1986), Edicións Xerais de Galicia; "Lili sen pistolas" (1986, obra inédita); "Tigres coma cabalos (1990), de Xerais; "Darío a diario (1996), de Edicións Xerais de Galicia, "Intempériome (xullo de 2003), Espiral Maior; e "Maldito lindo (obra inédita). En 2018 publicouse unha escolma da súa poesía en "Poesía reunida, de Xerais. Este mesmo ano, en 2021, tamén se publicou o ata agora único libro de narrativa da autora, "Non te amola!" 

Comentarios