Rois celebra as festas do Santo Isidro con maxia, música e poesía

Rois celebra as festas do Santo Isidro con maxia, música e poesía
Rois celebra as festas do Santo Isidro con maxia, música e poesía

Bruxo Queiman e Andrea Pousa representaron co seu espectáculo a emigración galega a través da poesía e da música

O Concello de Rois celebrou este sábado dun xeito especial as festas patronais do Santo Isidro, que un ano máis non puideron contar coa tradicional comida popular debido as medidas de prevención da covid-19. No seu lugar a maxia de Dani Polo e a fusión poética e musical de Queiman e Pousa animaron unhas festas que inaugurou esta mañá o alumnado da Escola de Música de Rois co Concerto do Santo Isidro.

Dani Polo fixo participar a pequenos e maiores no seu espectáculo, que espertou admiración e aplausos entre as 60 persoas asistentes (o máximo aforo permitido pola normativa da covid-19). Patricia e Gael foron os primeiros veciños de Rois en colaborar co mozo melidense, que gañou o Premio Nacional de Maxia e foi finalista no programa de TVE Pura Magia.

O interese entre a veciñanza de Rois fixo que o Concello programara unha dobre sesión do mago, que mañá, domingo 16, volverá repetir o espectáculo no auditorio municipal a partir das sete da tarde.

Despois de ver voar moedas, desaparecer dados xigantes, cambiar bastóns por panos, as figuras con sombras chinas ou facer levitar a unha nena de catro anos, o público marchou con ganas de máis espectáculo.

Algúns desprazáronse ata o polideportivo municipal dos Dices, onde as sete da tarde a música e a poesía convertéronse en protagonistas co espectáculo de Queiman e Pousa, que está ambientado a principios do século XX e representa unha homenaxe á emigración galega (o espectáculo previsto no campo da festa de Rois trasladouse ao pavillón pola choiva).

Un verso. Un cantar nace polo compromiso de Bruxo Queiman e Andrea Pousa coa cultura galega e ao seu gusto por fusionar distintas artes para ofrecer un amplo abanico de sensacións. Esta tarde en Rois, convertidos en Manolo e Lola, homenaxearon aos emigrantes cando se reunían nos centros para cantar e lembrar a unha Galicia que nunca esquece que marcha da terra.

Foi o colofón ao primeiro día da festa do Santo Isidro, que se celebrou este ano dun xeito especial. A mediodía, o alumnado da Escola Municipal de Música estreaba na canle do Concello en Facebook e Youtube o seu Concerto do Santo Isidro (o luns ofrecerán outro polo Día das Letras Galegas), e as seis da tarde, celebrouse a misa solemne en honor ao patrón de Rois.

Os actos continúan mañá, cun novo espectáculo de maxia de Dani Polo, que xa ten o aforo completo. Unha actuación que forma parte do circuíto cultural da Deputación da Coruña.

E pola noite, tocalle o turno a parroquia de Costa, que celebra tamén festas, coa actuación do grupo local Berlai que animará ao público cos temas de Desconhecido no adro da capela de Ferreiros a partir das nove da noite. A actuación de Berlai (que foi proposta pola Asociación de Veciños Travadoiro) englóbase no programa ultura dispersa por Rois que o Concello volve por en marcha este ano, en colaboración coas asociación veciñais e de festas, para animar as festas en todas as parroquias do municipio.

Comentarios