Luis Rey Villaverde, elixido novo alcalde de Oroso

Luis Rey Villaverde, elixido novo alcalde de Oroso
Luis Rey Villaverde, elixido novo alcalde de Oroso

“Atopaches unha cidade dormitorio e a convertiches nun pobo, dando sentido ao lema ‘Oroso para vivir’”, apuntou en referencia á labor de Manuel Mirás, que deixa o concello tras 38 anos de dedicación

Un pleno extraordinario no Concello de Oroso elixiu esta tarde a Luis Rey Villaverde como novo alcalde de Oroso, substituíndo no posto a Manuel Mirás Franqueira.

Nunha intervención posterior á investidura, Luis Rey fixo un chamamento ao conxunto da corporación para “traballar desde a unidade, sempre sumando e nunca restando, ofrezo a miña colaboración a todos os grupos porque o único importante é o Concello de Oroso e os seus veciños, moito máis nestes tempos de pandemia e as súas consecuencias”.

Rey comezou o seu discurso agradecendo os 38 anos de traballo de Manuel Mirás. “Atopaches unha cidade dormitorio e a convertiches nun pobo, dando sentido ao lema ‘Oroso para vivir’”, apuntou.

“Neste anos, chegaron todos os servizos e infraestruturas que hoxe temos no eido educativo ou sanitario, sen esquecer as melloras nas comunicacións, a contorna natural, a cultura ou o deporte”, engadiu.

En palabras de Luis Rey, “traballarei desde mañá para que Oroso siga crecendo”, agradecendo o apoio dos seus compañeiros de grupo de goberno, dos traballadores municipais e da súa familia, “á que lle pido perdón de antemán polas horas que non estarei na casa para atender esta nova responsabilidade”.

Ao rematar o pleno e a preguntas dos medios de comunicación, Luis Rey falou dalgúns proxectos para Oroso a curto prazo, “como a climatización da piscina ou o carril bici que unirá o centro coa futura Vía Verde”.

Fixo tamén mención ao potencial empresarial e industrial de Oroso, “con dous polígonos con empresas punteiras que dan traballo a centos de familias e un terceiro polígono, o de San Martiño, que será unha realidade en canto a situación mellore”.

Na sesión extraordinaria de hoxe tomou tamén posesión o novo concelleiro, José Calvo Rey, que substitúe na corporación a Manuel Mirás.

Comentarios
Lo más