Padrón estende a súa oferta cultural ás parroquias do rural cunha proposta para o público familiar

Padrón estende a súa oferta cultural ás parroquias do rural cunha proposta para o público familiar
Padrón estende a súa oferta cultural ás parroquias do rural cunha proposta para o público familiar

‘A Cultura rula X Padrón’ é a nova iniciativa que ao longo do mes de xuño promoverá sete espectáculos culturais ao aire libre

A concellaría de Cultura do Concello de Padrón lanza un novidoso programa cultural para o público familiar ao aire libre e polos diferentes espazos rurais do municipio. Co obxectivo de volver gozar da cultura nunha contorna segura e de achegala a todas as comunidades de Padrón, o departamento que dirixe Lorena Couso presenta ‘A Cultura Rula X Padrón’. O programa comezará o vindeiro venres 4 de xuño e contempla actividades para todos os sábados do mes de xuño e para case todos os venres deste mes.

Todos os espectáculos terán lugar ás 20:00 horas e desenvolveranse en A Ponte, Pazos, Extramundi, Iria, A Escravitude, Carcacía e Herbón. A concelleira de Cultura, Lorena Couso, subliñou que “este programa é unha mostra máis da firme aposta do Executivo de Padrón por seguir gozando da cultura nunha contorna segura. Consideramos que a cultura é moi necesaria nestes tempos e queremos facilitar o acceso de todas a veciñanza a espectáculos culturais para toda a familia”.

Nas actividades, que se desenvolverán ao aire libre, cumpriranse todos os protocolos e atenderase a todas as medidas de seguridade vixentes pola pandemia da Covid-19. Así, haberá unhas prazas limitadas para gozar dos espectáculos, que se distribuirán por orde de chegada.

O Mago Dani García é o responsable da primeira actuación deste cartel, coa súa función ‘Tin’ o venres 4 de xuño no campo da festa da Ponte. O sábado 5 de xuño, será o Mago Teto o encargado de facer maxia no campo da capilla de Pazos co espectáculo ‘Novas Tolemaxias’. O venres 11 de xuño no campo da devesa de Extramundi o Trío Detrés presentará ‘Máis ritmo’, no que combinan música e teatro cómico. O sábado 12 de xuño no Campo da Festa de Iria, Alba Grande representa ‘Historias para derreter cera’. O venres 18 de xuño no campo do santuario da Escravitude, Kote Malabar presenta ‘Cirkote’ e o sábado 19 no campo da festa de Carcacía, as familias poderán gozar de ‘O musical?’ de Pedro Brandariz . Finalmente, o sábado 26 de xuño, Félix Rodríguez e Fran Rey presentarán ‘Saaabor’ na carballeira de Herbón. En caso de choiva, as actuacións aprazaríanse para ter lugar noutra data.

Comentarios
Lo más