Os lanzamentos por execucións hipotecarias subiron en Galicia un 93 % no primeiro trimestre do ano

Os lanzamentos por execucións hipotecarias subiron en Galicia un 93 % no primeiro trimestre do ano
Os lanzamentos por execucións hipotecarias subiron en Galicia un 93 % no primeiro trimestre do ano


Os xulgados galegos recibiron 11 demandas por ocupación ilegal de vivendas, fronte ás 24 do período anterior

O número de lanzamentos practicados en Galicia no primeiro trimestre do ano experimentou un aumento do 9,2 % respecto ao mesmo período de 2020, ao pasar de 426 a 465. Deles, 106 producíronse como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria, fronte aos 55 que se realizaron por este motivo en 2020, o que supón unha subida interanual do 92,7 %. Debido a procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos, rexistráronse 352, un 1,7 % menos que no período anterior, cando se contabilizaron 358. Os lanzamentos enmarcados no apartado doutras causas pasaron de 13, o ano pasado, a 7 nos tres primeiros meses de 2021.


No conxunto do Estado, os lanzamentos executados no primeiro trimestre subiron un 13,4 % respecto ao mesmo período de 2020, segundo o informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial. Á hora de interpretar os datos hai que ter en conta a declaración do estado de alarma, o 14 de marzo de 2020, o que implicou a paralización dos prazos procesuais desde ese día.

As execucións hipotecarias iniciadas en Galicia entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2021 subiron un 15,2%. Nos tres primeiros meses do ano presentáronse 189 procedementos que permiten esixir o pago das débedas garantidas por peza ou hipoteca ao acredor, fronte ás 164 do ano anterior. No conxunto do Estado presentáronse 7.280, o que supón un incremento dun 56,3 % respecto ao mesmo trimestre de 2020.

O número de asuntos relacionados con cláusulas chan ingresados nos xulgados da comunidade autónoma aumentou no primeiro trimestre do ano un 96,38 %, ao pasar de 636 a 1.249. Os procedementos en trámite descenderon un 33,89 %, pois ao 31 de marzo quedaban pendentes 4.768, fronte aos 7.213 sen finalizar que había na mesma data do ano anterior.

O estudo, ademais, reflicte que no primeiro trimestre de 2021 os xulgados galegos ingresaron 11 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, fronte ás 24 do período anterior. En total, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2021, resolveron 12 procedementos deste tipo e deixaron 50 en trámite.

Segundo a estatística feita pública hoxe, o número de concursos presentados nos xulgados do mercantil galegos aumentou con respecto ao ano pasado, pois pasaron de 80, no primeiro trimestre de 2020, a 99, o que supón un aumento do 23,8 %. Con respecto aos concursos de persoas naturais non empresarias, que desde a modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015, corresponden aos xulgados de primeira instancia e instrución, presentáronse en Galicia nos tres primeiros meses do ano 86 casos, fronte aos 81 que se iniciaron no mesmo período do ano pasado.

Na comunidade contabilizáronse no primeiro trimestre do ano 10 expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (ERE’ s), fronte aos 19 do mesmo período de 2020. As 1.379 demandas por despedimento interpostas nos xulgados do social entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2021 supoñen un descenso interanual do 1,1 %, fronte ao incremento do 12,6 % rexistrado de media estatal.

O informe tamén revela un incremento dos procedementos monitorios interpostos no primeiro trimestre do ano nos xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución. En Galicia presentáronse 10.581, fronte aos 9.425 do ano pasado, o que supón un incremento interanual do 12,3 %. 

Comentarios