Balnearios galegos comezan a abrir despois de máis dun ano pechados pola Covid

Balnearios galegos comezan a abrir despois de máis dun ano pechados pola Covid
Balnearios galegos comezan a abrir despois de máis dun ano pechados pola Covid

A Asociación de Balnearios de Galicia vén de celebrar a súa Asemblea Xeral Ordinaria na Cidade da Cultura. No transcurso da mesma renovouse a confianza na actual súa Xunta Directiva, por “responsabilidade co complexo momento que estamos a vivir”.


Así, Marisol Espiño, directora Termas de Cuntis, continúa como presidenta; Antonio Garaloces, do Balneario de Lugo, como vicepresidente; Jesús Garriga, de Caldas de Partovia, como secretario; e José Ramón Fernández, do Balneario de Carballo, como tesoureiro.

Durante a xuntanza valorouse a reactivación do sector, xa que aos balnearios de Laias, Mondariz, Cuntis, A Toxa e Augas Santas, vanse sumar nas vindeiras semanas as reaperturas dos de Carballo, Lugo, Arnoia, Partovia e Dávila. Os balnearios galegos comezan a abrir as súas portas logo de estar pechados, na maioría dos casos, máis dun ano a causa da crise sanitaria. “Foron meses moi longos para todos, un período moi duro que agora estamos dispostos a recuperar e afrontar con ilusión.

Os centros termais son establecementos que teñen un custo de funcionamento moi elevado, debido á cantidade de persoal -profesionais moi diversos- que traballa nos mesmos e cuns gastos enerxéticos realmente altos” -salienta Marisol Espiño-.

A Asociación agarda que “paulatinamente vaian abrindo todos os establecementos termais da comunidade; e poder contar, dado que é de vital importancia tanto para o sector como para as comarcas onde se atopan os balnearios, coa posta en marcha dos programas de termalismo social do Imserso e da Xunta de Galicia”.

Camiño de Santiago e termalismo

A presidenta destaca “as posibilidades do termalismo para realizar programas terapéuticos e tamén para desfrutar do seu contorno natural; os balnearios son lugares idóneos para a recuperación e o descanso”. Nesta liña, continuarase potenciando o programa Un descanso nos Camiños, que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e é un dos cinco proxectos aprobados polo Clúster de Turismo de Galicia, presentado pola Asociación de Balnearios de Galicia en colaboración coa Fundación Expourense, Caldaria, Unión de Hosteleros Ourensanos e Amigos da Cociña Galega. A través desta iniciativa búscase potenciar o turismo termal aproveitando o Xacobeo 2021-2022, a través dun produto que está dirixido non só a peregrinos, senón tamén a persoas interesadas no Camiño.

Tal como indica a presidenta de Balnearios, Un descanso nos Camiños é “un produto turístico que combina os Camiños de Santiago coa oferta dos balnearios. A proposta inclúe aloxamento de dúas e tres noites, cun programa termal; unha actividade de sendeirismo ou ruta próxima aos balnearios participantes, preferentemente coincidente cun tramo do Camiño de Santiago; ademais dunha actividade de tipo cultural ou de lecer no contorno do establecemento termal (visitas guiadas, enoturismo, turismo activo de baixo impacto, experiencia gastronómica…)”. Busca seducir tanto aos peregrinos como aos visitantes que cheguen a Galicia atraídos pola celebración do Xacobeo 2021-2022.

Atención ás persoas que sufriron COVID-19

A presidenta salienta que “os balnearios ofrecen programas beneficiosos para abordar as secuelas e efectos secundarios que provoca o virus, dado os saudables efectos das augas mineromedicinais no tratamento de doenzas respiratorias e do aparato locomotor”. Así, a Asociación está a preparar, en colaboración coa Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que preside o doutor Juan Gestal, unha xornada centrada na recuperación das persoas que padeceron COVID-19.

No segundo semestre do ano continuarase coas actividades da Cátedra e, ademais, os balnearios participarán en “Termatalia - II Congreso Internacional de Turismo de Saúde e Benestar”, que terá lugar a mediados de setembro en Expourense.

A Asociación está integrada por 18 balnearios das catro provincias A Asociación de Balnearios de Galicia naceu no ano 1985 co obxecto de representar e promocionar o sector termal galego. Un grupo de empresarios reuniuse na illa da Toxa e daquel encontro xurdiu a Asociación, a segunda que se creaba en España.

Na actualidade está integrada por un total de 18 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz. Ademais, coma balneario histórico, forma parte da asociación tamén Aguas de Sousas.

Comentarios
Lo más