O programa de visitas xeolóxicas ao Pico Sacro retomarase durante os meses do verán

O programa de visitas xeolóxicas ao Pico Sacro retomarase durante os meses do verán
O programa de visitas xeolóxicas ao Pico Sacro retomarase durante os meses do verán

Geotur Galicia, en colaboración co Concello de Boqueixón, ofrecerá dous percorridos mensuais entre xuño e setembro

O programa de visitas xeolóxicas ao Pico Sacro retoma a súa actividade durante os meses de verán. Segundo indican dende o Departamento de Turismo de Boqueixón, “estas actividades están a ter unha excelente aceptación entre o público, polo que apostamos por seguir colaborando no seu desenvolvemento”.

Así, a empresa Geotur Galicia, en colaboración co Concello, reinicia os percorridos polo monte sagrado este domingo 6 de xuño ás 17.00 horas tivo lugar o primeiro. O resto das visitas xeolóxicas desenvolveranse en domingos alternos ás 11.00 horas. Así, prevese a súa realización os días 20 de xuño; 4 e 18 de xullo; 1, 15 e 29 de agosto, e o 12 e 26 de setembro. “Esta programación poderíase ampliar se existise unha demanda maior de solicitudes, tal e como sucedeu durante Semana Santa”, concretan dende o Departamento de Turismo.

O prezo das visitas xeolóxicas é de 10 euros por persoa, sendo de balde para menores de 12 anos. As prazas son limitadas e cómpre realizar inscrición previa a través do enderezo electrónico geoturgalicia@gmail.com ou chamando ao teléfono 675 820 520. Deberanse respectar todas as medidas de seguridade e prevención fronte á COVID-19 durante o desenvolvemento da actividade (uso de máscara, distancia de seguridade e hixiene de mans).

Detalles dos percorridos

Dende o Concello de Boqueixón animan a veciñanza e visitantes a descubrir o Pico Sacro dende un punto de vista diferente. Durante os percorridos falarase, entre outros detalles, sobre as súas covas de cuarzo natural, as únicas estudadas no mundo.

Tamén a través destas visitas, achegarase ao público parte da historia xeolóxica do planeta tomando este enclave como referencia. Os percorridos terán como punto de encontro o aparcadoiro do Pico Sacro e durarán aproximadamente unha hora. Realizaranse paradas informativas en distintos puntos como o cumio principal deste monte, o sub-cumio oeste, as dúas bocas das covas e a Rúa da Raíña Lupa. Todo isto complementado coas impresionantes vistas da bisbarra compostelá.

Comentarios