A Maker Faire Galicia pecha a súa sétima edición consolidándose coma un evento referente na innovación a nivel internacional

A Maker Faire Galicia pecha a súa sétima edición consolidándose coma un evento referente na innovación a nivel internacional
A Maker Faire Galicia pecha a súa sétima edición consolidándose coma un evento referente na innovación a nivel internacional

O pasado domingo rematou esta feira de innovación, de novo online, que multiplicou por catro o número de inscritos con respecto á edición anterior así coma o seu impacto a nivel global con referentes como Keisha Howard, César de la Fuente ou Valeria Corrales.

Do 2 ó 6 de xuño, tivo lugar a Maker Faire Galicia, de novo nun formato 100% online e dentro dun Museo Gaiás virtual. Os participantes no evento puxeron en valor o innovador plantexamento da organización e a calidade dos contidos que se ofreceron nesta edición.


Desde a organización consideran moi relevante a consolidación como feira internacional desta edición, xa que mentres na edición anterior, a metade dos visitantes procederon de Latinoamérica, sobre todo de países como Arxentina, Brasil, Colombia ou México, este ano os visitantes internacionais supuxeron o 70 % do total e ampliáronse a países como USA, Francia ou UK entre outros.

No transcurso do evento realizáronse numerosas competicións, tanto nas xornadas da industria, como na educativa ou nas abertas, nas que destacaron tanto o nivel dos proxectos presentados como a posta en escena.

Na competición de proxectos das xornadas de industria conseguiu o primeiro premio Noé Vila, do CITIC da UdC, co proxecto PictoTempo, unha aplicación que ten como obxectivo axudar a usuarios con algún tipo de trastorno do espectro autista ou a usuarios con diversidade funcional e cognitiva a organizar rutinas e tarefas cotidianas. O segundo premio foi para o proxecto AmigX das alumnas do Colexio Mendiño e o terceiro para Francisco Laport, quen presentou un proxecto para interactuar coas máquinas a nivel cerebral.

Durante a xornada educativa chegaron á final da competición de proxectos 15 centros de toda a península, que participaron en tres categorías: Makers Pro, Makers e Minimakers.

O proxecto gañador na categoría Minimaker foi para o Colexio Fomento Aldovea de Madrid, co proxecto Pathfinder, un sistema para o entrenamento dos astronautas en condicións de ingravidez. Na categoría Makers o gañador foi o Colexio Santo Ángel de Avilés, co seu Mapping interactivo sobre a Historia de España e por último na categoría Makers Pro o gañador foi o Colexio Nuestra Señora del Pilar de Zaragoza, coa súa Fermentadora de cervexa doméstica.

Tamén nesta xornada se inaugurou un novo premio, o de Community Maker, que a organización otorga a aqueles proxectos que interactúan máis co resto de seleccionados e polo tanto fortalecen a comunidade Maker. Neste caso foi para o Colexio Santo Ángel de Avilés.

Por último, durante as xornadas abertas, clausuradas o domingo pola tarde, entregáronse os premios do público nas categorías Minimakers e Makers. Na primeira das categorías recibiu o 3º premio GlockensPlink! da Escola Municipal de Música de Premiá de Dalt, o 2º Watch-up room 2.0 dos alumnos de Makers Pro de VermisLAB de Santiago de Compostela e o 1º premio foi para A despensa intelixente, tamén para os alumnos de Makers Pro de VermisLAB.

Na categoría Maker o 3º premio foi para Aristóteles, o robot filósofo do Fab Lab de Ciudad Juarez en México, o 2º para Man Robótica de Sergio Dacal, Maker Pro en VermisLAB e o 1º premio foi para o Sistema de instrumento de voo do CIFP As Mercedes.

Nesta xornada tamén se entregaron dous premios con retos que foron lanzados durante a xornada educativa e da industria respectivamente, o Hackobeo (competición para redeseñar o famoso Pelegrín con materiais téxtiles) e a Game Maker Jam (competición para a creación de videoxogos express), que neste caso foi para o videoxogo Abafando en Marte.

Ademais destes premios, tamén se entregou o Community Maker das xornadas abertas, que foi para os asturianos de Art and Tecnology.

Aproveitando a creación deste novo formato de evento 100% dixital e coma xa se fixera na anterior edición, a organización deixará os contidos en aberto na plataforma do evento durante todo o ano, podendo así volver desfrutar da experiencia e chegando a moito máis público a nivel mundial.

A 7ª edición da Maker Faire Galicia celebrouse nun Museo Gaiás virtual e contou co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura, a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e Círculo Financiero de Galicia. 
Comentarios