Turismo de Santiago participa nun evento da Asociación Europea de Organizacións Turísticas

Turismo de Santiago participa nun evento da Asociación Europea de Organizacións Turísticas
Turismo de Santiago participa nun evento da Asociación Europea de Organizacións Turísticas

A entidade municipal de promoción turística reunirase con profesionais de mercados como Italia, Alemaña, Reino Unido, Irlanda, Estados Unidos e Canadá.

Turismo de Santiago participa nunha xornada organizada pola Asociación Europea máis importante do sector turístico para promocionar a cidade nos principais mercados europeos, European Tourism Association (ETOA). Trátase dun evento on line con reunións preaxendadas con profesionais interesados en traballar con Santiago.


Os profesionais interesados este ano son na súa maioría dos principais mercados europeos cos que haberá conexións aéreas directas neste verán dende o aeroporto de Santiago, como Italia, Alemaña, Reino Unido, Irlanda e Suíza. Nestes mercados hai un interese moi importante en viaxar xa nos próximos meses.

Por exemplo, respecto ao mercado alemán, un dos mercados internacionais máis importantes para a cidade, catro de cada cinco alemáns xa pensaron en facer viaxes de vacacións neste 2021, segundo unha enquisa feita por Turespaña, na que se detecta un estado de ánimo moi positivo sobre as vacacións.

Pero ademais de profesionais dos mercados europeos, Turismo de Santiago tamén recibiu solicitudes de reunións de profesionais de Estados Unidos e Canadá, dous mercados moi importantes para a cidade, especialmente o de Estados Unidos, que anos previos ao Covid-19 consolidouse entre os tres países con maior número de pernoctacións na cidade, con Italia e Alemaña.

En xeral, todos os profesionais precisan saber a operativa das compañías aéreas no aeroporto de Santiago. Neste sentido, para Santiago é moi importante poder contar con catorce rutas internacionais directas xa a venda de cara a este verán con seis compañías distintas. 
Comentarios