As rupturas matrimoniais aumentan en Galicia un 4,13 % no primeiro trimestre do ano

As rupturas matrimoniais aumentan en Galicia un 4,13 % no primeiro trimestre do ano
As rupturas matrimoniais aumentan en Galicia un 4,13 % no primeiro trimestre do ano


Presentáronse 1.311 demandas de divorcio e separación, fronte ás 1.259 do ano pasado

O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia no primeiro trimestre do ano foi de 1.311, fronte ás 1.259 que se rexistraron no mesmo período do ano pasado, o que supón un aumento do 4,13 %. No Estado rexistrouse unha subida interanual do

5,7 %. Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación ao 1 de xaneiro de 2021, obsérvase que por cada 10.000 habitantes en Galicia contabilizáronse, no período estudado, 4,9 demandas, fronte ás 5,4 de media estatal.

Segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, na comunidade aumentaron os divorcios consensuados (de 668 a 755, un 13 %) e diminuíron os non consensuados (de 549 a 515, un 6,2 % menos). En relación ás separacións consensuadas, pasaron de 30 a 31 no primeiro trimestre do ano, mentres que as non consensuadas pasaron de 12 a 10, un 16,7 % menos. Neste período non se rexistrou ningunha petición de nulidade matrimonial.

Nos tres primeiros meses do ano tamén se produciu un aumento interanual dos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, así como dos de modificación de medidas en procesos de separación e divorcio.

Entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo iniciáronse 160 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 6,7 % máis que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 429 a 436, un 1,6 % máis.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 310 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 214 do primeiro trimestre de 2020, o que supón un aumento do 44,9 %; e 343 demandas de modificación de medidas non consensuadas (294 o ano pasado), o que representa unha subida interanual do 16,7 %.

Á hora de interpretar a estatística hai que ter en conta que os datos correspondentes ao primeiro trimestre de 2020 contabilizáronse só ata o 14 de marzo e non ata o día 31 debido á declaración do estado de alarma e, en consecuencia, a paralización de prazos procesuais. 

Comentarios