A USC mantense entre as mellores do mundo, segundo o QS World University Ranking 2021

A USC mantense entre as mellores do mundo, segundo o QS World University Ranking 2021
A USC mantense entre as mellores do mundo, segundo o QS World University Ranking 2021

A reputación académica e o número de citas do profesorado das diversas facultades son dous dos parámetros máis salientados da Universidade nesta listaxe internacional

A última edición do QS World University Ranking 2021, unha clasificación das mellores universidades do mundo elaborada a partir dunha sondaxe na que se teñen en conta datos e parámetros achegados por máis de 5.500 institucións académicas de todo o mundo, mantén un ano máis a USC entre as universidades que suscitan unha mellor percepción social e gozan de mellor reputación no plano internacional.

Esta listaxe, alén de avaliar a reputación, a cal abrangue o 40% da cualificación final que recibe cada institución académica, toma tamén en consideración o prestixio en termos de empregabilidade (10% da puntuación final); a relación entre número de persoal académico e número de estudantes, xa que un alto número de docentes por estudante é interpretado como indicio de compromiso por parte da universidade (20% do resultado final); a media de citacións obtidas por cada membro de cada facultade (20%); e a proporción de persoal internacional (5%); así como de estudantado procedente doutros países (5%).

A metodoloxía empregada para a elaboración do QS Wordl University Ranking sitúa a USC no intervalo 701-750 nunha listaxe na que toman parte 29 universidades españolas e na que a de Santiago de Compostela figura como a institución académica galega con mellor valoración. A reputación académica e o número de citacións do profesorado das súas diferentes facultades son dous dos parámetros nos que a USC acada unha puntuación máis alta nesta listaxe.

Clasificación por materias

No relativo ao Ránking QS 2021 por materias, a posición da USC é especialmente salientable nos ámbitos da Enxeñaría Química, Lingua Inglesa e Literatura, Linguas Modernas, Agricultura e Silvicultura e Farmacia e Farmacoloxía, disciplinas que se atopan situadas nesta clasificación no intervalo 201-250 das mellores universidades do mundo.  

Por grandes áreas de coñecemento, a institución compostelá ocupa o posto 308 en Ciencias Naturais. Química, Matemáticas e Física e Astrofísica, no intervalo 251-300; xunto con Ciencias Medioambientais, na posición 301-350, son as disciplinas máis destacadas no eido das Ciencias Naturais.  En Artes e Humanidades a USC sitúase na posición 380.

O intervalo 451-500 é o ocupado pola USC no relativo a Ciencias da Vida e Medicina. Concretamente, dentro deste eido, a Universidade destaca en Ciencias Biolóxicas (intervalo 301-350) e Medicina (401-450). Ciencias económicas e econometría, no posto 351-400, é o eido no que máis destaca a USC no relativo ás Ciencias Sociais.

Comentarios