O BNG reiterará no Pleno o rexeitamento á gasolineira en Brandía

O BNG reiterará no Pleno o rexeitamento á gasolineira en Brandía
O BNG reiterará no Pleno o rexeitamento á gasolineira en Brandía

Goretti Sanmartín esixe que se cumpra o acordo plenario aprobado por unanimidade en 2017 para non autorizar a súa instalación nesta urbanización

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, anunciou que trasladará de novo ao Pleno unha iniciativa para evitar a instalación dunha gasolineira en Brandía.

Deste xeito, reclamoulle ao Goberno local o expediente completo deste proxecto e formulará unha pregunta para coñecer os trámites seguidos para rexeitar un negocio de  surtidores de combustíbel na parcela Z-2A-SUNP-29 de Brandía, nunha zona de 130 vivendas, por onde transcorre un gasoduto e xa existe unha papeleira con depósitos de celulosa altamente inflamábeis.

Goretti Sanmartín mantivo unha reunión con representantes veciñais de Brandía afectados pola pretensión de instalar unha gasolineira pese ao acordo plenario adoptado por unanimidade, a raíz dunha iniciativa do BNG en setembro de 2017.

Así, comprometeuse a presentar de novo unha iniciativa “para rexeitar esta instalación, con rotundidade e respectando a normativa legal, e proporemos unha modificación puntual do PXOM para que en solo residencial de baixa densidade non se posibilite a instalación de gasolineiras, como xa se debera ter feito desde o 2017 até o de agora”. De feito, en 2018, o BNG preguntou polas xestións e trámites realizados sen obter nunha resposta. “Defendemos que se modifique a normativa urbanística para que en ningunha urbanización se poidan poñer gasolineiras”, concretou.

No encontro destacaron tamén que a rotonda soporta un tráfico intenso, o que pode provocar problemas nos accesos á gasolineira, existe un parque infantil nas inmediacións, hai depósitos de celulosa altamente combustíbel na papeleira de Brandía e, ademais, discorre un conduto de transporte de gas pola zona, o que fai especialmente perigosa a súa instalación.

A portavoz do BNG reclama que o Goberno local do PSOE escoite a veciñanza de Brandía, que está moi preocupada pola seguranza ambiental e se opón a este proxecto de “Carburantes de Lugo SL”, co obxectivo de que cumpra o acordo plenario para evitar a instalación dunha gasolineira de baixo custe e sen persoal no emprazamento desta urbanización.

Comentarios