O eclipse de Sol deste xoves poderá verse en Galicia a partir das 10,49 horas

O eclipse de Sol deste xoves poderá verse en Galicia a partir das 10,49 horas
Foto: Santi Alvite
O eclipse de Sol deste xoves poderá verse en Galicia a partir das 10,49 horas

Na Península Ibérica, a magnitude deste fenómeno terá o meirande valor en Galicia, diminuíndo segundo se descenda cara ao sur

Na mañá deste xoves 10 de xuño, poderá contemplarse unha eclipse parcial de Sol de baixa magnitude. Trátase dunha eclipse anelar xa que a Lúa estará próxima á súa posición mais afastada da Terra (apoxeo) e non será quen de tapar completamente o Sol. Ao tratarse dunha eclipse anelar, vaise ver só nunha banda de territorio que vai dende Canadá, pasando por Grenlandia, o Mar Ártico  e o estremo oriental de Siberia. “Fóra desa zona, a eclipse será parcial e a Lúa ocultará tanto menos o Sol, canto máis nos afastemos de dita zona”, explica José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

Concretamente, na Península Ibérica, a magnitude da eclipse —fracción máxima do diámetro solar ocultado—  terá o meirande valor en Galicia (0,2), diminuíndo  segundo se descenda cara ao sur. O fenómeno completo comezará ás 10.12 horas e rematará ás 15.11 horas. En Santiago de Compostela, poderá seguirse dende as 10.49 ata as 12.41 horas, e con mínimas diferenzas horarias no resto de Galicia.

As últimas eclipses parciais de Sol observadas en España producíronse en 2015 e 2017. Asemade, en 2005 púidose seguir completamente unha eclipse anelar. “Dentro de cinco anos haberá a posibilidade de ver unha eclipse total na Península e  ano e medio despois, outra anelar”, avanza o profesor Docobo.

Para o seguimento das eclipses de Sol é preciso seguir rigorosas medidas de seguridade. “Non se pode mirar o Sol sen a protección adecuada e menos usando prismáticos ou telescopios”, apunta o profesor Docobo. Asemade, recoméndase o uso de gafas especiais  para eclipses “ou como moito cristais de soldadura de máxima protección”, engade o director do Observatorio da USC para logo matizar que, aínda así, cómpre facelo durante escasos segundos.

Comentarios
Lo más