O concelleiro de Políticas Lingüísticas presenta a memoria do departamento correspondente a 2020

O concelleiro de Políticas Lingüísticas presenta a memoria do departamento correspondente a 2020
O concelleiro de Políticas Lingüísticas presenta a memoria do departamento correspondente a 2020

O concelleiro de Políticas Lingüísitcas, Rubén Prol, presentou a memoria do departamento de Lingua Galega do ano 2020. Un ano condicionado pola pandemia da covid-19 e as medidas sanitarias adoptadas, no que destaca o cambio de localización do departamento, que, igual que o Espazo Apego, se trasladou á rúa da República do Salvador, 12. En total desenvolvéronse 14 programas, dos que dous, Enreguéifate e Galegoempresas, acaban de ser distinguidos pola Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización Lingüística cos premios Mil Primaveras.

Estes 14 programas que se desenvolven desde o departamento de Lingua galega, e que se poden consultar na memoria, que xa está subida á web, son os seguintes:


Asesoramento lingüístico, co obxectivo de informar sobre calquera cuestión relacionada co idioma, facilitar e apoiar a produción en galego e mellorar a calidade dos textos.

Acollemento lingüístico, con obradoiros presenciais de galego para persoas procedentes doutras comunidades. En 2020 realizáronse 2 edicións, unha de 30 horas do 8 de xuño ao 21 de setembro na que se anotaron 25 persoas, e outra de 36 horas, do 13 de outubro ao 15 de decembro, con 16 persoas inscritas.

Todas as actividades que se realizan no espazo Apego, destinadas á primeira infancia, para as familias de menores de 0 a 6 anos e para os mesmos cativos, co obxectivo de incrementar a porcentaxe de nenas e nenos que adguiren o galego como lingua inicial e promover o seu uso de xeito habitual. Entre as actividades desenvolvidas en 2020, figuran as Tardes de contos, A familia vai á escoliña, Enredando, Xogos de palabras, os Contos de Bonaval programados no mes de agosto ou o xa coñecido Festival Apego.

Territorio xogantín, para menores de 6 a 10 anos, que ten como obxectivo ofrecer un espazo de socialización en galego a través do xogo. En 2020 ofrecéronse 30 prazas en dous grupos de 15 nenos e nenas. As restricións derivadas da pandemia obrigaron a evitar a interacción con persoas alleas.

Conto viaxeiro, destinado a centros escolares de primaria, que pretende, entre outros obxectivos, contribuír ao achegamento de nenas e nenos ao patrimonio cultural material e inmaterial con especial atención ao vinculado ao patrimonio lingüístico. Por mor da pandemia, a convocatoria quedou suspendida, ao pechar os centros escolares, pero o programa seguiu funcionando e incorporando novos recursos ao blog para atender as necesidades dos menores xurdidas durante o confinamento.

O Club de debate, co obxectivo de promover o emprego da lingua galega entre a mocidade, que se organizou en colaboración con outros concellos (Ames, Ferrol,Narón, Negreira, Outes, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Santiago e Teo).

Obradoiros de portugués. No curso 2019/2020 realizouse unha primeira quenda de 20 obradoiros en outono. Os da quenda de primavera non se convocaron polo peche de centros; igual que no curso 2020/2021, polas restriccións á entrada nos centros de actividades e persoas externas.

O programa Enreguéifate, con obradorios de regueifa para quinto, sexto de primaria; e primeiro e segundo da ESO. E o certame Enreguéifate, para incentivar a improvisación en galego. En 2020 as restricións obrigaron a supender os dez obradoiros programados, pero maila todo, recibiron 27 vídeos para o certame, 16 na categoría escolar e 11 na xeral. Este programa desenvólveno conxuntamente os Servizos de Normalización Lingúistica de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo e os docentes promotores da Regueifesta.

O programa Youtubeir@as, organizado en colaboración cos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Teo, e o Grove: as universidades da Coruña, Santiago e Vigo; e a Deputación da Coruña. Este programa ten como obxectivo incrementar o uso da lingua galega na produción e consumo de audiovisuais de uso cotiá a través das plataformas virtuais máis usadas. En 2002 participaron no certame 536 pezas audiovisuais. Máis de 5.600 persoas enviaron o seu voto a través de internet.

O programa Atopando Compostela, que ten como obxectivo divulgar, a través dun xogo educativo que se atopa na web do departamento, o coñecemento do territorio e a toponimia do termo municipal.

Fotolingua, destinado á poboación en xeral e a empresas. Ten como obxectivo chamar a atención da cidadanía para que coñeza e valore os establecementos que se comprometen co uso da nosa lingua. En 2020 visitáronse 100 negocis para explicarlle a dinámica da atividade, e acadouse unha participación de 26 imaxes. A gañadora tivo 336 gústame nas redes sociais.

O programa Coidar para mellorar, destinado a empresas. Trátase dun proxecto de mellora comunicativa en galego. En 2020 ofrecéronse, a través deste programa, realizado en colaboración co departamento de Comercio, 100 cheques de consultoría. En canto á convocatoria de subvencións para a mellora e innovación do comercio, dotouse con 15.000 euros que se ampliaron ata 23.000 para cubrir as 25 solicitudes que presentaron a documentación completa.

O programa Galegoempresas, unha plataforma que pretende facer máis visible a oferta en galego do sector empresarial compostelá. En 2020 incorporáronse 13 novas empresas á base de datos.

Os premios Manuel Beiras, destinados a empresas. Avaliaronse, en 2020, 42 candidaturas, resultando premiadas as presentadas por Revista Pincha, Dinahosting e Moksín. Un dos vídeos das empresas candidatas acadou 24.600 visualizacións.

Premios Mil Primaveras
Rubén Prol agradeceu á Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización Lingüística, que distinguisen cos premios Mil Primaveras a dous proxectos nos que participa a concellaría de Políticas Lingüísticas: Enreguéifate e Galegoempresas. Estes galardóns, que se entregaron o pasado 5 de xuño en Pontevedra, teñen por obxectivo recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuren pór en valor e fomentar a lingua, e incrementar o seu uso e prestixio.

O proxecto colectivo Enreguéifate e Regueifesta desenvólveno conxuntamente os Servizos de Normalización Lingúistica de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo e os docentes promotores da Regueifesta. Consiste nun concurso de improvisación oral en vídeo, que se complementa con formación en centros educativos e unha unidade didáctica, co obxectivo de crear novos ámbitos de uso en galego para a mocidade asociados á creatividade. Cada nova edición adoita clausurarse coa Regueifesta, unha actividade lúdica e festiva arredor da regueifa.

O xurado salientou que é un proxecto interxeracional, que revitaliza unha actividade tradicional conectándoa coa mocidade e introducindo valores transversais. Tívose en conta especialmente que traballa o aspecto oral, moi necesario para recuperar a lingua.

Galegoempresas é tamén o produto da colaboración entre os Servizos de Normalización Língüística, neste caso de Santiago de Compostela, Ames e Teo. É unha plataforma web para dar visibilidade aos negocios que incorporan o galego nestes tres concellos. O xurado escolleuno como mellor proxecto sectorial por ser efectivo e exportable a outros concellos ou comarcas, e por relacionar o uso da lingua con valores de calidade e proximidade. 

Comentarios