Ata o 16 de xuño está aberta a inscrición no programa de conciliación e aprendizaxe English Summer School

Ata o 16 de xuño está aberta a inscrición no programa de conciliación e aprendizaxe English Summer School
Ata o 16 de xuño está aberta a inscrición no programa de conciliación e aprendizaxe English Summer School

Ata o 16 de xuño está aberta a inscrición no programa "English Summer School", unha proposta educativa de conciliación e aprendizaxe, enmarcada en Educa-Concilia, que se desenvolverá entre o 28 de xuño e o 30 de xullo de 2021 (ambos os dous inclusive). Son en total, 75 prazas de conciliación, que se suman ás que quedan vacantes nos Centros Socioculturais do Rural e que aínda están sen solicitar neste momento: catro no CSC de Figueiras, dúas no de Lavacolla, e tres en Villestro.

"English Summer School" está destinado a nenas e nenos empadroados no concello de Santiago de Compostela, ou que cursen actualmente algún dos cursos de Educación Primaria nun centro educativo do municipio. Seis das 75 prazas ofertadas, están reservadas para menores que presenten informe do Departamento de Servizos Sociais do Concello, que terán o carácter de acceso directo ao programa.


Con esta alternativa lúdico-educativa preténdese fomentar o estudo do inglés e mellorar as competencias comunicativas dos nenos e nenas nun ambiente que lles resulte atractivo; ao mesmo tempo que se axuda ás familias coa conciliación laboral. No "English Summer School" traballarase co alumnado valores tan importantes como o respecto aos compañeiros e ás normas, a integración social, o traballo en equipo, entre outros. Ademais, fará dos nenos e nenas elementos activos da súa propia aprendizaxe.

Establécense tres modalidades, dentro das datas de realización do programa:

-Opción 1: Todo o mes: do 28 de xuño ao 30 de xullo de 2021.
-Opción 2: Primeira quenda: do 28 de xuño ao 16 de xullo de 2021.
-Opción 3: Segunda quenda. Do 19 de xullo ao 30 de xullo de 2021.

Co obxecto de facilitar a conciliación das familias, haberá un horario de acollida das persoas usuarias que o necesiten. Será desde as 8:00 h. ata as 9:30 h. Ese mesmo servizo de acollida prestarase desde as 14:00 h. ata as 15:00 h. As actividades realizaranse nas instalacións do CEIP Pío XII. O horario destas actividades será de 09:30 h. a 14:00 h.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo normalizado ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, solicitando cita previa, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Se se presenta a solicitude a través da sede electrónica do Concello de Santiago escolla o trámite "Inscrición no programa English Summer School" dentro do catálogo de trámites dispoñible. No caso de existir máis demanda que prazas ofertadas realizarase un sorteo público.

A estas 75 prazas súmanse outras nove, aínda sen cubrir, do programa Mañás de Verán dos CSC do rural, onde quedaran vacantes 28 prazas. Estas vacantes cubriranse por rigorosa orde de presentación do formulario da inscrición na conserxería da Casa das Asociacións de Cornes (Rúa de Manuel Beiras 3, teléfono 981.54.23.50,) en horario de 09:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h. Está previsto que desde o luns, día 14 ata o 23 de xuño, as familias coa praza adxudicada formalicen a solicitude de matrícula.

No programa Mañás de verán e de xogo dos CSC urbanos quedaron 91 persoas en listas de espera. E nos obradoiros de verán das escolas infantís, 9 persoas. Estes usuarios poden presentar agora a solicitude, tanto para as 75 prazas de English Summer School, como a calquera das prazas que quedaran sen cubrir nos centros socioculturais do rural.

Desde o concello de Santiago, e enmarcadas en Educa-Concilia, ofertáronse 335 prazas: 195 a través de "Mañás de verán e xogo" (150 que se ampliaron en 45 máis), 65 prazas para os obradoiros das Escolas Infantís (45 prazas que se ampliaron en 20 máis), e 75 prazas en "English Summer School". 

Comentarios
Lo más