Política Social asegura que o apoio ás familias numerosas "se incrementará" co novo plan 2021-2023

Política Social asegura que o apoio ás familias numerosas "se incrementará" co novo plan 2021-2023
Política Social asegura que o apoio ás familias numerosas "se incrementará" co novo plan 2021-2023

O orzamento destinado ás medidas deste documento duplicarase ata superar os 62 millóns de euros

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que o Goberno galego consolidará e incrementará o apoio ás familias numerosas co novo plan. Así o manifestou durante un acto de presentación celebrado en Vilagarcía de Arousa ao que asistiron varias familias, no que tivo a oportunidade de explicarlles, acompañada do alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, as novidades deste documento, aprobado a semana pasada polo Consello da Xunta, e de recoller as súas impresións e achegas.

Fabiola García sinalou que o Plan contará cun orzamento de máis de 62 millóns de euros, o dobre que o anterior, do ano 2013. Este novo documento recolle un total de 48 medidas para ofrecer axudas en distintos ámbitos repartidas en cinco áreas de actuación: educación, cultura e lecer; vivenda, transporte e subministración; apoio ás familias para a conciliación corresponsable e o impulso demográfico; beneficios fiscais; e outras medidas.

A conselleira apuntou que entre as principais novidades atópase a dixitalización do título de familia numerosa, que permitirá ter un acceso máis cómodo e individualizado a todas as vantaxes que ofrece. Así mesmo, tamén contempla descontos nas autoestradas dependentes da Xunta, unha medida que se fará realidade este verán.

Axudas na educación

Así mesmo, lembrou as actuacións realizadas polo Goberno galego durante os últimos anos que, pese a estar xa implantadas, foron incluídas por vez primeira neste documento.Entre elas atópanse aquelas referidas ao acompañamento dos máis pequenos polas diferentes etapas educativas e tamén nas actividades de cultura e lecer.

Así, inclúe a redución ou exención, no caso das familias numerosas de categoría especial, do pago das matrículas universitarias, unhas vantaxes que se estenden a outros estudos superiores, residencias ou ao pagamento das taxas para a expedición de títulos.  Tamén se ofrecen descontos na compra de entradas en espectáculos e eventos culturais ou axudas para o servizo de comedor escolar para o alumnado de ensinanza básica obrigatoria.

Beneficios para o acceso á vivenda

En segundo lugar, o Goberno galego busca acompañar ás familias numerosas no seu acceso á vivenda. Por iso, Galicia é das comunidades que as incorporou como sector preferente no Plan Estatal de Vivenda. Así mesmo, aplícanse bonificacións do 50% no canon da auga e vertedura e ofrécense axudas para facer fronte á factura eléctrica que chegan aos 450 euros ao ano.

No ámbito do transporte ofrécense descontos do 20 ou do 50% nas viaxes en transporte público da Xunta para familias numerosas de categoría xeral e especial, respectivamente.

Alternativas para conciliar

A terceira área na que se centra este plan é na axuda ás familias que precisan conciliar a súa vida laboral e familiar. Neste sentido, ofrécense axudas para redución de xornada, que no caso das familias numerosas poden ser de ata 3.700 euros para compensar a renuncia á metade da xornada laboral.

Neste aspecto, a Xunta tamén duplica a contía da Tarxeta Benvida para as familias numerosas. Pode chegar aos 2.400 euros ata os tres anos, e aos 3.000 no caso dos fogares do rural. Así mesmo, neste punto tamén se inclúe a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, unha medida que beneficia á totalidade das familias numerosas de Galicia.

Beneficios fiscais

A cuarta área de actuación é a referida aos beneficios fiscais. Galicia é a única comunidade de España que ofrece unha dedución de ata o 100% do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) e os Actos Xurídicos Documentados (AJD) para as familias numerosas que merquen a súa vivenda habitual no rural. Así mesmo, tamén se contemplan deducións autonómicas do IRPF, que poderán ir desde os 250 euros, na categoría xeral, e ata os 800 euros no caso das familias numerosas especiais cun membro con discapacidade.

Por último, o Goberno galego ofrece outras vantaxes ás familias numerosas, como reducións das taxas en procesos selectivos de empregado público ou axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, unha medida que se atopa dentro da Estratexia Retorna 2020.

Comentarios