As mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia aumentan un 3,4 % no primeiro trimestre do ano

As mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia aumentan un 3,4 % no primeiro trimestre do ano
As mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia aumentan un 3,4 % no primeiro trimestre do ano


Os xulgados recibiron 1.434 denuncias, un 1,6 % máis que no mesmo período de 2020

Os órganos xudiciais da comunidade recibiron no primeiro trimestre do ano 1.434 denuncias por violencia de xénero, un 1,6 % máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.412. A gran maioría das denuncias (1.136) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. En Galicia rexistráronse durante o primeiro trimestre deste ano 1.434 mulleres vítimas de violencia de xénero nas denuncias recibidas, fronte ás 1.387 das mesmas datas de 2020, o que supón un incremento do 3,4 %. Cabe destacar que os datos do primeiro trimestre do 2020 reflicten a incidencia da crise sanitaria da COVID-19, a pesar de que a actividade dos xulgados de violencia sobre a muller foi declarada esencial e non quedou afectada pola suspensión dos prazos procesuais nin paralizada en ningún momento.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial ( CGPX), en Galicia os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar descenderon un 18,9 %. Se nos tres primeiros meses de 2020 optaron por esta opción 122 mulleres, no mesmo período de 2021 fixérono 99, é dicir, o 6,9 % das vítimas.

Galicia situouse como a cuarta comunidade coa taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 10,3 persoas, fronte ás 14,2 de media estatal. Durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 371 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 529 de 2020, o que supón un descenso do 29,9%. Das 371 adoptáronse 232, o 62,53 %.

O 84,18 % das persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano foron condenadas. Este dato sitúa á comunidade por baixo da media estatal, que foi do 86,72 %.

Os datos estatísticos están dispoñibles na páxina:


https://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Violencia-sobre-la-Mujer/
Comentarios