A rede de Centros Socioculturais organiza 225 actividades con máis de 2.000 prazas a través do programa "Vive o verán 2021"

A rede de Centros Socioculturais organiza 225 actividades con máis de 2.000 prazas a través do programa "Vive o verán 2021"
A rede de Centros Socioculturais organiza 225 actividades con máis de 2.000 prazas a través do programa "Vive o verán 2021"

A rede de Centros Socioculturais organiza en xuño, xullo e setembro, 225 actividades no marco do programa Vive o Veran 2021, con máis de 2.000 prazas. Destinadas a familias, cativada e adultos, desenvolveranse nos CSC urbanos e do rural. O prazo de presentación de solicitudes comeza o xoves, día 17 de xuño. Entre as novidades desta edición destacan os xogos no Paseo da Ferradura da Alameda de Santiago, as xornadas sobre apicultura, os paseos para coñecer a historia dos barrios, ou o xogo virtual "Do bosque ao banquete".

A maioría destas actividades, 210, desenvolveranse nos Centros Socioculturais urbanos, e o resto, 15, no rural. En total, para os centros urbanos hai unhas 1.800 prazas, e máis de 200 para o rural. Todas as accións previstas son de balde, agás "Nós e a nosa relación co mundo" que ten un prezo de 5 euros por semana.


"Vive o verán 2021" está dividido en sete apartados: "Vive o verán nos parques", "Vive o verán co deporte", "Vive o verán na natureza, "Vive o verán nos CSC de barrio", "Vive o verán espectáculos", "Vive o verán medrando en familia", e "Vive o verán de paseo". As persoas interesadas poden inscribirse presencialmente ou chamando por teléfono aos centros socioculturais que desenvolven actividades. Toda a información pode descargarse escaneando os códigos QR que aparecen nos folletos informativos. As actividades máis próximas terán lugar esta mesma semana. O venres, día 19, xa hai actividades no Paseo da Ferradura; e o sábado terá lugar a primeira das rutas "Pedalea Compostela" polo Monte do Gozo e arredores, con saída desde o Centro Sociocultural de Bando.

Do programa "Vive o verán 2021" destaca a súa extensión; e a atención que presta a distintas idades, facilitando o encontro e o ocio familiar e interxeracional, con especial atención ás familias con crianzas a través das actividades de "Medrando en familia".

Outro aspecto destacado é o uso dos espazos verdes da cidade neste momento no que nos estamos recuperando da pandemia. O obxectivo: ofrecer espazos e encontros seguros na práctica do deporte, paseos, e outras actividades, como a recollida de plantas mediciñais.

"Vive o verán 2021" tamén é un programa integral, xa que aproveita recursos da programación de centros socioculturais, aos que suma actividades doutros programas, como o "Festival Atlántica de narración oral", actuacións da rede cultural da Deputación da Coruña, contacontos de "Ler Conta Moito" da Xunta; así como outras colaboracións, entre as que se atopa o proxecto "Descabonízate que non é pouco".

Na programación retómase un modelo de propostas variadas que se enriquece constantemente, e no que destacan programas con temáticas de interese emerxente, como o medio ambiente ou o coñecemento da cidade, que se poderían considerar puntos nucleares da proposta programática, xunto aos aspectos lúdicos e de lecer. De xeito paralelo, non se esquecen outros temas, menos coñecidos, pero igual de interesantes, entre eles a apicultura, con distintas actividades programadas, entre elas catas de mel nas que colabora o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida "Mel de Galicia". 

Comentarios