Demandan a creación dun servizo de aerobús que conecte directamente a intermodal co aeroporto Rosalía de Castro

Demandan a creación dun servizo de aerobús que conecte  directamente a intermodal co aeroporto Rosalía de Castro
Demandan a creación dun servizo de aerobús que conecte directamente a intermodal co aeroporto Rosalía de Castro

CA pedirá no próximo Pleno que o Goberno cumpra o seu compromiso de manter os postos do persoal que atendía a liña ao aeroporto

O concelleiro de Compostela Aberta Jorge Duarte demandou a creación dun servizo de aerobús, “un autobús lanzadeira que conecte directamente a estación intermodal co aeroporto Rosalía de Castro, sen paradas urbanas e con tarifas diferenciadas”. O edil incidiu en que esta liña, “que debe ser xestionada a través da empresa municipal Tussa, permitiría mellorar o servizo non só ás persoas usuarias da terminal de Lavacolla senón tamén á veciñanza de Santiago que está a denunciar o mal funcionamento e a saturación da liña 6”.

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que insta o Goberno local a impulsar o servizo de aerobús a través de Tussa, e demanda que a empresa municipal restableza a normalidade e o correcto funcionamento da liña 6 do transporte público. Tal e como explicou Jorge Duarte, “desde que o servizo de bus ao aeroporto se integrou na liña 6 do transporte urbano, en decembro, os autobuses están colapsados”. O concelleiro lembrou que “son moitas as queixas que vén recibindo o Concello por este motivo, xa que son moitas as persoas usuarias que teñen quedado nas paradas urbanas da liña, sen poder subir ao autobús porque xa superaba o seu aforo, unha situación que se está a ver agravada coa recuperación da actividade no aeroporto Rosalía de Castro”.

Jorge Duarte lamentou a falta de reacción do Goberno de Bugallo, “que en decembro incorporou o servizo ao aeroporto na liña 6 de maneira improvisada, malia a que sabía desde máis de tres meses antes que a Xunta deixaría de prestar ese servizo; e que agora non é quen de ofrecer solucións cando ve que ese modelo non funciona de xeito correcto”. Para o concelleiro de Compostela Aberta, “é urxente que se recupere o bus lanzadeira ao aeroporto, un aerobús que debera ter a súa saída desde a nova estación de autobuses, e que debería realizar o traxecto ata Lavacolla sen paradas urbanas e con tarifas especiais”. O edil explicou que debe ser Tussa quen xestione esta nova liña, “similar á que existía con anterioridade, xestionada pola empresa Freire, e que funcionou correctamente e con normalidade ata que o Concello decidiu integrar o servizo na liña 6”.

Conflito laboral

Ademais, na moción defendida por Compostela Aberta reclámase que o Goberno cumpra o acordado no Pleno ordinario de xaneiro, a partir da proposición de CA para manter os postos de traballo do persoal da liña de autobús ao aeroporto. Jorge Duarte lembrou que esa proposta recollía o acordo para “incorporar a subrogación deste persoal na próxima licitación do servizo de transporte urbano, da que nada sabemos transcorridos dous anos de mandato; e para que o Goberno mediara coas empresas Tralusa e Freire para solucionar a situación dos traballadores que estiveron sen cobrar e nun limbo laboral desde decembro de 2020”. O concelleiro de CA explicou que, meses despois dese acordo, o Goberno limitouse a facilitar unha reunión entre a empresa Monbus e os grupos da oposición, “na que se anunciaron unha serie de medidas para regularizar a situación do persoal, que tampouco nos consta que se puxeran en práctica”.

Duarte incidiu en que “a situación na que se atopan os traballadores e traballadoras é responsabilidade do Goberno, que coñecía desde setembro de 2020 que a partir de decembro dese ano tería que xestionar a liña de bus ao aeroporto, e non adoptou ningunha medida ao respecto, nin axilizou a licitación do novo contrato do transporte urbano, para o que recibiu xa uns pregos moi avanzados no traspaso de poderes, en xuño de 2019”.

Comentarios