O verán comeza ás 5.32 horas do 21 de xuño

O verán comeza ás 5.32 horas do 21 de xuño
O verán comeza ás 5.32 horas do 21 de xuño

No relativo ás precipitacións, recolléronse en Compostela 275 litros por metro cadrado en toda a primavera, o que representa “un rexistro moi curto para o que é a media, case o dobre”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo



Na noite do domingo ao luns, ás 5.32 horas do día 21 de xuño, dá comezo o verán no hemisferio norte. “En dito instante o Sol estará no punto Cáncer da eclíptica, ou solsticio de xuño, acadando a máxima elevación con respecto ao ecuador (máxima declinación). Nestes días, polo tanto, temos a meirande diferenza entre o día e a noite”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.

A estación que agora comeza prolongarase ata as 21.21 horas do 22 de setembro. Estes 93,66 días fan que o verán boreal sexa a estación máis longa das catro. Nesta ocasión, a visión das Perseidas na noite do 12 ao 13 de agosto verase favorecida pola fase lunar, que estará entre nova e crecente e que, polo tanto, “non vai estorbar durante a noite”, matiza o profesor Docobo. “Dende lugares sen contaminación luminosa poderían observarse sobre 100 meteoros/hora”, engade.

Por outra banda, os planetas Xúpiter e Saturno, bastante próximos entre si, van poder ser contemplados ao logo de todo o verán. Tamén vai ser destacable a aliñación dos planetas Mercurio, Venus e Marte en agosto, cara o oeste, logo do solpor. Como en anos precedentes, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller impartirá sesións públicas de divulgación da astronomía en 24 localidades galegas, dentro de dous programas no marco do Xacobeo 21-22.

Meteoroloxía

Remata outra primavera seca na contorna de Compostela pero de contrastes típicos desta época do ano. No comezo da estación non houbo precipitacións (2,0 l/m2 nos últimos días de marzo) para logo comezar suavemente ao longo de abril (74,9 l/m2) e incrementarse a mediados de maio (135,9 l/m2). As primeiras dúas semana de xuño foron secas e máis ben calorosas, chegando de novo as choivas a fins da primavera. En total recolléronse en Compostela ao redor de 275 litros/m2 en toda a primavera, o que representa “un rexistro moi curto para o que é a media, case o dobre”, engade Docobo. A temperatura máxima dos últimos tres meses acadouse o día 15 de xuño con 31º8, seguida dos 30º7 do día anterior. En maio, en contra do que viña sendo habitual nos últimos anos, non se pasou dos 27º5 (día 31), temperatura que en cambio superou marzo con 27º8 (día 31).

“Chaman a atención as mínimas medidas os días 2 e 4 de maio, ambas as dúas por debaixo dos 3º”, sinala o profesor Docobo, aínda que a temperatura mínima da primavera, practicamente igual á dos xa sinalados días de maio, foron os 2º5 rexistrados o 27 de marzo.

Comentarios