O Diververán de Rois arrancou con 160 menores de varios municipios e ata tres comunidades

O Diververán de Rois arrancou con 160 menores de varios municipios e ata tres comunidades
O Diververán de Rois arrancou con 160 menores de varios municipios e ata tres comunidades

O Concello atendeu todas as solicitudes para participar no programa de conciliación, que conta con 22 monitores

O Porviso, un trasno mitolóxico tradicional de Rois, vai ser este ano un dos protagonistas do Diververán 2021, o programa que puxo en marcha o Concello o pasado luns en Rois e Urdilde con 160 menores de varios municipios e de ata tres comunidades autónomas, e un equipo de 22 monitores e monitoras dirixidos por Rebeca Casal. Ademais de nenos e nenas de Rois, hai tamén asistentes de Santiago, Brión e Padrón, e ata de Valencia e Madrid que están pasando as vacacións coa familia.

Ademais de fomentar a conciliación laboral e familiar entre as familias con menores de 14 anos, o Diververán quere fomentar este ano entre a rapazada o seu interese polo rural, por coñecer e dar a coñece o lugar onde viven e poñer en valor os recursos naturais de Rois.  Un obxectivo no que O Porviso vai ter un papel protagonista. Este ser, que segundo a lenda vivía no inframundo, sae agora imaxinariamente das mámoas de Ermedelo para buscar os catro elementos (lume, auga, terra, aire) e procura a axuda dos nenos e nenas de Rois para conseguir o seu premio.

Con este fío condutor traballarase cos asistentes ao Diververán para que poidan coñecer, recoñecer e pór en valor lugares como a praia fluvial de Seira, os pazos do Faramello e de Antequeira, a ruta das Penicias e a ruta do Castro Lupario (onde viviu a Raíña Lupa). Durante as vindeiras semanas, nenos e nenas poderán coñecer tamén o traballo de grandes artistas roisenses como Sonia Ares, Camilo Seira ou Gambino, e a labor que fan na Asociación Amipa. Representantes das asociacións de Amas de Casa de Rois e das Mulleres Rurais de Urdilde participarán nun intercambio xeracional cos menores, para que poidan ter unha visión máis enriquecedora do que supón vivir nun municipio rural de Rois.

As visitas a piscina, aos locais dos artesáns, para facer sendeirismo ou falar coas persoas maiores, axudará aos nenos e nenas poñer en valor aquelo que teñen máis preto.

A proposta do Concello de Rois para o Diververán espertou o interese das familias para solicitar praza no campamento de verán, no que participan 160 nenos e nenas de entre 3 e 14 anos, un dos máis concorridos da contorna. Para cumprir coa normativa da covid-19, os asistentes están distribuídos en grupos burbulla dun máximo de dez persoas. Debido a que o colexio dos Dices está en obras, o Concello decidiu distribuír os grupos de varios locais: polideportivo dos Dices, escola de música, a antiga escola de Dona Sara, a unitaria de Sorribas e tamén as instalacións do CD Rois, e o local das Amas de Casa e o local veciñal de Rois. En Urdilde, como en anos anteriores, o Diververán desenvólvese nas instalacións do CEIP O Pumar.

O Concello decidiu este ano atender todas as peticións de matrícula no Diververán, de ahí o elevado número de asistentes. Incluso a aquelas familias que se inscribiron fora de prazo se lles ofreceu a posibilidade de que os menores puidesen participar nun grupo de idade diferentes, oferta que algúns decidiron rexeitar.

O Diververán estaba previsto que comezase o pasado xoves, 1 de xullo. O Concello decidiu pospoñer o comezo ao detectarse un caso positivo de coronavirus entre o equipo de monitores despois dunha reunión conxunta de traballo. Seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias, e despois de facerlle probas PCR a todos os monitores, seis deles teñen que gardar corentena. Por este motivo, dende o Concello se contratou máis persoal para comezar o Diververán o pasado luns.

As actividades programadas espertaron, dende o primeiro momento, a curiosidade de nenos e nenas que aplaudiron a primeira representación teatral que fixo o equipo de monitores e monitoras, e están agardando pola primeira saída.

O Diververán desenvolvese nos locais indicados de luns a venres de 9.30 a 14.30 horas. De todos os asistentes, un grupo de 26 nenos e nenas apuntáronse ao programa Amencer, que comeza ás 7.30 horas.

Comentarios
Lo más