O CPEIG celebrará a gala "A NOITE" o 29 de outubro en Santiago de Compostela coa entrega anual dos premios da profesión

O CPEIG celebrará a gala "A NOITE" o 29 de outubro en Santiago de Compostela coa entrega anual dos premios da profesión
O CPEIG celebrará a gala "A NOITE" o 29 de outubro en Santiago de Compostela coa entrega anual dos premios da profesión

Reuniranse uns 200 convidados entre profesionais de empresas TIC, corpo colexial e autoridades, coa finalidade de visibilizar á profesión de enxeñaría en informática

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará a súa "XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" o 29 de outubro. A gala máis importante da informática en Galicia será no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago, tamén en Allariz e en Foz.

O evento é un punto de encontro entre os colexiados e colexiadas do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.

“A tecnoloxía demostrou neste ano e medio de pandemia o seu valor e aportación para soster a economía, a educación e as relacións sociais, e A Noite representa ese impulso da dixitalización en todos os sectores” –destaca–. O presidente manifesta que para que a sociedade perciba que a dixitalización é unha cuestión estratéxica, o colexio profesional decidiu celebrar A Noite presencialmente, sen alcanzar as cifras de convidados de edicións anteriores, poñendo o foco na entrega dos premios anuais do CPEIG como vía para “visibilizar a importancia da tecnoloxía e o talento das persoas que están tralos desenvolvementos tecnolóxicos”.


Galicia, referencia no ámbito dixital con iniciativas como os títulos universitarios de Intelixencia Artificial e outros desenvolvementos internacionais

Tamén Fernando Suárez destaca que neste 2021 son especialmente importantes os Fondos europeos NextGenerationEU que van supoñer un punto de inflexión para a dixitalización das empresas, administracións públicas e a sociedade en xeral, xa que segundo subliña España é o país onde máis porcentaxe destes fondos se van dedicar a este proceso de dixitalización. “Queremos que toda a sociedade e todas as empresas se sintan orgullosas do que se ten feito en Galicia nestes últimos meses e do que se pode facer, postulándose como unha referencia no ámbito dixital e da informática con iniciativas tan importantes como os títulos universitarios de Intelixencia Artificial e outros desenvolvementos a nivel internacional”  –apunta–.

No marco da gala entregaranse os Premios da Noite, con dez categorías nas que os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. Os galardóns de 2020 recaeron en: Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole–, Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino; Confederación ASPACE, Premio e-Inclusión; Appentra, Premio Iniciativa Emprendedora; Localsafe, Premio Iniciativa Empresarial; proxecto Smartiago do Concello de Santiago, Premio Iniciativa da Administración; Sabela Ramos, Premio Ada Byron; o catedrático Miguel Rodríguez Rubio, Premio Traxectoria Profesional; Miguel A. Amutio, Premio Colexiado de Honra; Aida Vidal Balea, Premio Traballo Fin de Mestrado; e a Cidade das TIC, Premio Grandes Proxectos TIC.

O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o Colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.

Comentarios