A Xustiza absolve unha delegada de CCOO que padeceu prácticas antisindicais por parte dunha empresa de Santiago

A Xustiza absolve unha delegada de CCOO que padeceu prácticas antisindicais por parte dunha empresa de Santiago
A Xustiza absolve unha delegada de CCOO que padeceu prácticas antisindicais por parte dunha empresa de Santiago

A denuncia contra a traballadora encádrase nunha dinámica de presión por parte da dirección empresarial para limitar a acción do sindicato en defensa dos traballadores e traballadoras

O Xulgado de Instrución número 2 de Santiago de Compostela absolveu unha delegada de Comisións Obreiras que padeceu prácticas antisindicais por parte da dirección de OK Rent a Car, empresa de alugamento de vehículos situada preto do aeroporto Rosalía de Castro. 

Desde a súa elección como delegada, no 2019, a representante de CCOO destacouse pola defensa do interese xeral das compañeiras e compañeiros, chegando a ser designada negociadora no convenio estatal do grupo OK Rent a Car. Tras se decretar o primeiro estado de alarma, a delegada denunciou irregularidades na xestión do ERTE que provocaron que parte do persoal non cobrara en tempo as prestacións a que tiña dereito, entre outras situacións.

A súa actitude combativa levou a que a empresa tomara distintas medidas de presión para entorpecer o seu traballo, como non responder ás solicitudes de información —algo ao que está obrigada pola lexislación vixente—, chegando incluso a bloquear a conta corporativa, tanto dela como doutros traballadores críticos —o que impediu o acceso aos recibos de nóminas, entre outros prexuízos.

A presión foi en aumento ata que, o 9 de novembro do 2020, a empresa promoveu unha asemblea para tentar a revogación da delegada de CCOO. Neste punto, desde Comisións coidan «insólito» que un sindicato de clase, a CIG, asesorara a OK Rent a Car sobre o procedemento para revogar a representante doutra organización. A dita asemblea foi tensa, pero non acadou completamente o obxectivo da empresa, xa que a revogación da delegada de CCOO provocou, automaticamente, a elección da persoa suplente, tamén pertencente a este sindicato.

Segundo a parte denunciante, nesta asemblea proferíronse ameazas e insultos por parte da denunciada. Porén, a sentenza salienta que «ningunha das testemuñas corrobora as expresións que se denunciaron».

Impugnación da asemblea

Desde CCOO aplauden a sentenza, «unha importante vitoria en defensa da liberdade sindical», e sinalan que tamén está xudicializada a asemblea que provocou a revogación da súa delegada. «Nesta asemblea participaron e votaron persoas que non tiñan dereito a facelo, polo que as decisións adoptadas son nulas de pleno dereito e agardamos que así o ratifique a Xustiza», conclúen.

Comentarios