Dan comezo en Oroso ás obras do primeiro tramo da Vía Verde Santiago-Cerceda

Dan comezo en Oroso ás obras do primeiro tramo da Vía Verde Santiago-Cerceda
Dan comezo en Oroso ás obras do primeiro tramo da Vía Verde Santiago-Cerceda

Valentín González Formoso visitou, xunto co alcalde da localidade, o inicio dos traballos na estación da Sionlla que contan cun orzamento de 572.420 euros

A Deputación da Coruña deu comezo este xoves no Concello de Oroso ás obras do primeiro tramo da Vía Verde de Santiago a Cerceda, un proxecto que conta cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros cofinanciados polo ente provincial e os fondos europeos FEDER.

A primeira vía verde da provincia da Coruña construirase sobre as antigas vías do ferrocarril e terá unha lonxitude total de 21,8 quilómetros, conectando os municipios de Santiago e Cerceda.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, realizou hoxe a súa primeira visita institucional ao novo alcalde de Oroso, Luis Rey, e, acompañados doutros membros do goberno local e do deputado Antonio Leira, visitaron o inicio dos traballos na estación da Sionlla.

O tramo de Oroso foi adxudicado por 572.420 euros e permitirá acondicionar un total de 7.510 metros do antigo trazado ferroviario que discorre pola conca do río Lengüelle, desde o PK 10+180 ata o PK 17+330. Esta actuación permitirá crear un novo itinerario que poderá ser usado por ciclistas e camiñantes, habilitando unha plataforma adecuada para este fin, construíndo elementos de contención de noiros, varandas de protección e instalando a sinalización imprescindible para a identificación do percorrido así como a prohibitiva e normativa, incidindo na destinada a regular o paso nas interseccións.

Os outros dous tramos da Vía Verde, o de Ordes e o de Cerceda-Tordoia, foron xa adxudicados por 396.811,79 euros e 523.671,38 euros, respectivamente, polo que os traballos darán comezo proximamente e o prazo de execución para todos é de 10 meses.

González Formoso destacou que a ruta, que discorrerá polas antigas vías do ferrocarril, “é unha aposta do goberno provincial por un novo modelo de mobilidade sostible no territorio” e apuntou que “houbo que facer un traballo enorme polo ex alcalde de Oroso, Manuel Mirás, para a cesión destos espazos aos que agora se lles dará unha nova vida cumprindo unha labor dinamizadora, converténdose nunha zona de tránsito de xente de distintas procedencias e comunicando cinco concellos coa capital de Galicia”.

Pola súa parte, Luis Rey explicou que para Oroso a Vía Verde significará “un impulso no eido económico e incluso no medio ambiental e no deportivo, que suporá un engadido para o desenvolvemento do municipio” e agradeceu á Deputación “por involucrarase tanto neste proxecto” e a Manuel Mirás “que foi o impulsor desta idea, pola que tanto pelexou”.

Mellora da seguridade viaria na estrada de Ordes a Pontecarreira

O presidente provincial anunciou durante a visita que o proxecto para a mellora da seguridade viaria na estrada DP-3802, que vai de Ordes a Pontecarreira, levarase ao pleno da Deputación deste mes para a súa aprobación técnica e contarán cun orzamento de 210.514,43 euros.

As obras, que teñen un prazo de execución previsto de 5 meses, consistirán na execución dunha senda peonil de 1,80 metros de ancho no tramo entre os PPKK 7+420 e 8+450 co obxectivo de mellorar as condicións de accesibilidade. Discorrerá paralela á plataforma existente, inicialmente pola súa marxe dereita no núcleo de Carballal para logo cambiar á esquerda á altura do actual local social en Marzoa ata dar continuidade coa senda existente. Ademais, separarase da beiravía e delimitarase cun bordo prefabricado.

O PEL crea máis de 60 empregos directos en Oroso

Valentín González Formoso aproveitou a visita para achegarse ata a escola infantil Trastes, unha das empresas de Oroso beneficiarias do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, que desde o ano 2016 concedeu 891.937,52 euros a negocios do municipio e ao propio concello, creando un total de 60 empregos directos.

A escola infantil Trastes foi beneficiaria dunha axuda a través do PEL Pemes no ano 2020 mediante a que se lle concederon 14.000 euros para a contratación dunha persoa durante polo menos un ano, o que se corresponde cun 70% dos gastos correspondentes a salarios e seguridade social.

A anécdota da visita tivo lugar durante unha pequena parada para o café no Café Bar Fernández, onde o dono se achegou ao presidente para comentarlle a rapidez das axudas do Pel Reactiva 2, un programa específico de apoio á hostalería e axencias de viaxes para axudarlles a sufragar os gastos e as perdas ocasionadas pola pandemia, xa que a cobrou en menos de 48 horas trala solicitude.

Comentarios
Lo más