O PP preguntará ao Goberno local pola demora na licitación e execución da Vía Verde entre Santiago e Oroso

O PP preguntará ao Goberno local pola demora na licitación e execución da Vía Verde entre Santiago e Oroso
Foto da visita ao primeiro tramo da obra en Oroso
O PP preguntará ao Goberno local pola demora na licitación e execución da Vía Verde entre Santiago e Oroso

Todos os tramos entre Oroso e Cerceda, que tramita a Deputación, foron licitados e están a ser adxudicados, mentres o Santiago-Oroso permanece paralizado

O Grupo Popular, mediante unha iniciativa da concelleira Ana Sabel, vai preguntar ao Goberno local pola parálise na que se atopa o proxecto da Vía Verde entre Santiago e Oroso, cuxa tramitación se está a realizar e forma diferente ao resto dos tramos entre Oroso-Cerceda, o que está a producir un notable retraso nun tramo que debería ser prioritario.

A idea de construír unha senda verde, aproveitando o vello trazado ferroviario en desuso na vella liña Santiago-A Coruña, parte dun convenio asinado en decembro de 2017 entre a Deputación da Coruña e os concellos de Santiago, Oroso, Tordoia, Ordes e Cerceda para o financiamento da redacción de seis tramos que suman un total de 36,5 km. Os cinco tramos entre Oroso e Cerceda foron tramitados pola Deputación, que xa os licitou e está a adxudicar, destinando para iso un orzamento de 1,5 millóns de euros.

O proxecto entre Santiago-Oroso, foi elaborado pola Fundación de Ferrocarrís Españoles por encargo do Concello de Santiago e logo da súa redacción, foi aprobado na Xunta de Goberno do 17 de febreiro de 2020. Desde entón, non se coñece ningún novo paso dado polo Concello en relación con el, a pesar de que o Partido Popular presentou varias iniciativas para coñecer os motivos da súa singular tramitación, o feito de que sexa o único que non se licitou e as previsións para a súa posta en funcionamento.

O inicio das obras do tramo entre Oroso e Ordes no día de onte, nun acto no que participou o presidente da Deputación e no que non se fixo ningunha mención pública ao resto dos tramos, en especial do tramo decisivo dunha vía que “comunicará cinco concellos coa capital de Galicia”, en palabras do máximo representantes da Deputación, volve a poñer de relevo a falta de implicación do Goberno de Sánchez Bugallo para impulsar esta actuación.

Por este motivo, o Grupo Popular solicita que se informe sobre os motivos do Concello para  inhibirse na tramitación deste tramo, amparándose no envío do proxecto á Deputación hai varios meses para obter unha subvención e na falta de resposta do organismo provincial ao respecto. Os Populares agardan que o Goberno explique con claridade os motivos polos que asumiu este proxecto -á marxe dos resto dos tramos tramitados pola Deputación- e as razóns da demora na licitación e execución da obra por mor da espera dunha subvención, cando o Goberno conta coa capacidade orzamentaria suficiente para afrontar por si mesmo, se fose o caso, a activación desta obra. 

Comentarios