A execución dun paso de peóns elevado na rúa Benéfica de Conxo afectarán ao tráfico a partir deste luns

A execución dun paso de peóns elevado na rúa Benéfica de Conxo afectarán ao tráfico a partir deste luns
A execución dun paso de peóns elevado na rúa Benéfica de Conxo afectarán ao tráfico a partir deste luns

A execución da plataforma realizarase á altura do número 58 desta rúa, quedando interrompida a circulación nese punto desde as 9:00 horas do día 19 e ata a mesma hora do luns día 26

Os traballos para a execución dun paso de peóns elevado na rúa Benéfica de Conxo, na cidade de Santiago, afectarán ao tráfico a partir deste luns.

As obras para habilitar o paso de peóns elevado realizaranse á altura do número 58 desta rúa de Compostela, polo que a circulación de vehículos nese punto quedará interrompida desde as 9 da mañá deste luns, día 19, e ata a mesma hora do luns día 26.

Segundo a programación dos traballos, que se enmarcan nas obras de integración paisaxística do Camiño Portugués no barrio compostelán de Conxo, a súa duración será dunha semana, sempre que as condicións meteorolóxicas acompañen.

Para evitar no posible o impacto dos traballos no tráfico, habilítanse os correspondente desvíos provisionais da circulación, debidamente sinalizados.

Deste xeito, os vehículos que circulen pola rúa Ponte da Rocha deberán saír pola glorieta de Volta do Castro (SC-20).

Para o tráfico procedente do Campo de Conxo cara á rúa Benéfica de Conxo abrirase a circulación a rúa dos Roláns -agora mesmo pechada ao tráfico-, desde onde deberán dirixirse cara a Santa Marta.

A Xunta segue avanzando nos últimos traballos para o remate das obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués ao seu paso polo barrio de Conxo, grazas a un investimento autonómico de 2,7 millóns de euros.

Entre as actuacións destaca a reforma da praza fronte ao mosteiro de Santa María, como zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que permitirá crear unha pequena praza do Obradoiro. Este espazo estase a estender ata o centro social, a escola infantil e o centro de saúde e mantén o cruceiro no seu lugar actual. 

Na intervención tamén se inclúe un novo espazo de aparcadoiro habilitado ao carón do centro de saúde ao servizo dos veciños, cun total de 82 prazas de estacionamento.

Estas obras forman parte do proxecto integral de posta en valor dos Camiños de Santiago á súa entrada en Compostela, cun investimento da Xunta de máis de 10 M€, que estará rematado na súa totalidade este verán.

Comentarios