O BNG reclama que a Xunta modifique o decreto para que o alumnado de educación especial maior de 21 anos poida continuar a súa formación

O BNG reclama que a Xunta modifique o decreto para que o alumnado de educación especial maior de 21 anos poida continuar a súa formación
O BNG reclama que a Xunta modifique o decreto para que o alumnado de educación especial maior de 21 anos poida continuar a súa formación

Goretti Sanmartín trasladará unha moción ao Pleno do Concello de Santiago con esta reivindicación das ANPA

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentará unha moción no Pleno de Santiago para que a Xunta realice os cambios normativos necesarios para permitir a continuidade de formación nos centros de educación especial ao alumnado maior de 21 anos.

A Plataforma de ANPA de Centros de Educación Especial de Galiza xa trasladou por escrito, desde hai 2 anos, diversas peticións ás institucións correspondentes para modificar o Decreto 229/2011 que regula a atención á diversidade do alumnado para facilitar o seu desenvolvemento persoal, social e aprendizaxe, co fin de proporcionarlles a adquisición das competencias recollidas na lexislación educativa.

Para permitir que o alumnado con discapacidade poida permanecer en programas de Formación Profesional Básica despois dos 21 anos de idade é necesario realizar esa modificación regulamentaria. “O artigo 20 dese decreto regula a escolarización en centros de educación especial mais limita a permanencia do alumnado nestes centros educativos aos que superen os 21 anos, poñendo fin de maneira abrupta e prematuramente ao proceso de adaptación de desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional que permite acadar o máximo rendemento posíbel das súas capacidades”, explicou Goretti Sanmartín.

A excepcionalidade deste curso dificultou, aínda máis, o desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe co peche de aulas, eliminación de actividades complementarias ou mesmo escolarización irregular e intermitente por prevención sanitaria. “Isto  xustifica, como medida urxente e compensatoria, de cara ao vindeiro curso, a ampliación da escolarización do alumnado que cumpre os 21 anos ou máis e que non rematou a súa formación”, engadiu.

De feito, existe unha diverxencia entre o Decreto 229/2011 e o Decreto 107/2014, xa que este último permite a escolarización en programas formativos até os 26 anos.

Trátase dunha medida urxente para lles dar resposta ás necesidades de desenvolvemento persoal, formativo e social de mozos e mozas con discapacidade e que o Sistema para a Autonomía e Atención a Discapacitados, dependente de Política Social, tampouco ofrece. Para iso, desde as ANPA, destacan que existe un antecedente para mudar a normativa co Goberno da Comunidade de Castela e León que, a finais de 2019, confirmou a adaptación da normativa para atender esta demanda e consideran que, polo tanto, é unha cuestión de vontade política.

Comentarios
Lo más