Compostela Aberta, BNG e PP presentan unha proposición para a constitución dunha comisión que supervise a tramitación do proxecto biotecnolóxico da Sionlla

Compostela Aberta, BNG e PP presentan unha proposición para a constitución dunha comisión que supervise a tramitación do proxecto biotecnolóxico da Sionlla
Foto de archivo
Compostela Aberta, BNG e PP presentan unha proposición para a constitución dunha comisión que supervise a tramitación do proxecto biotecnolóxico da Sionlla
Ese órgano estaría integrado por dous membros de cada grupo municipal

Compostela Aberta, BNG e PP asinan unha proposición conxunta para o seu debate no Pleno da próxima semana, na que os tres grupos reclaman a constitución dunha comisión de estudo de carácter especial para que supervise a participación do Concello no biopolo da Sionlla. Ese órgano estaría integrado por dous membros de cada grupo municipal, e encargaríase de avaliar a presumible falta de dilixencia na tramitación deste proxecto, e esixiría, no seu caso, as responsabilidades oportunas. Na proposición, os tres grupos lembran que o Goberno tardou case un ano en iniciar o procedemento de concesión demanial da parcela municipal na que se localizará a sede do biopolo, un procedemento que aínda non está resolto.

Tras a manobra do alcalde para impedir no seu momento a celebración dun pleno extraordinario que evidenciase o sucedido na tramitación do proxecto, os Populares acordan unha proposición conxunta con todos os grupos da oposición. “Bugallo é capaz de concitar preocupacións unánimes”, advirte o portavoz Popular, Alejandro Sánchez-Brunete.

"Pese a que o Concello de Santiago se comprometeu a participar no desenvolvemento dun polo de innovación tecnolóxica na Sionlla e a ceder unha parcela municipal, produciuse unha demora inxustificábel que pode poñer en risco os fondos económicos da axuda do IGAPE e a propia viabilidade deste proxecto”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz do BNG en Raxoi. Desde que a sociedade promotora deste proxecto solicitou a parcela o 5 de xuño de 2020, transcorreu case un ano para que Goberno local iniciase o 21 de maio de 2021 o procedemento de concesión demanial que aínda está sen resolver.

Marta Lois volveu mostrar hoxe “a preocupación de Compostela Aberta pola pasividade que vén mostrando o Goberno local na tramitación do proxecto do biopolo da Sionlla, fundamental para a reindustrialización de Santiago”, e reiterou que “esta falta de dilixencia debe ser avaliada”. A portavoz municipal de CA explicou que “por este motivo, os tres grupos da oposición vimos de rexistrar unha proposición conxunta para que o Pleno debata unha cuestión estratéxica para a cidade, que Bugallo quixo ocultar empeñándose en celebrar unha sesión extraordinaria pasadas as dez e media da noite e contra o criterio da oposición”.

O Concello de Santiago comprometeuse no seu día a participar no desenvolvemento dun polo de innovación tecnolóxica na Sionlla, coa obriga, para estes efectos, de ceder unha parcela municipal. A tal parcela foi solicitada o 5 de xuño de 2020 por unha das sociedades promotoras do proxecto non sendo ata case un ano más tarde -o 21 de maio de 2021 -que o Concello iniciou o procedemento de concesión demanial, aínda sen resolver. “O exame do expediente apunta á historia dunha neglixencia e revela a ausencia da concelleira de Urbanismo e do propio alcalde no seguimento e impulso dun asunto de tanta relevancia”, sinalou o voceiro Popular. No entanto, os Populares confían en que o proxecto poida chegar a bo termo grazas á responsabilidade e ao compromiso do sector privado e á propia reacción a última hora do Concello, unha reacción instada polos grupos políticos que controlan a acción do Goberno.



Comentarios
Lo más