Santiago estrea Paso de Vaca polo Día de Galicia

Santiago estrea Paso de Vaca polo Día de Galicia
Santiago estrea Paso de Vaca polo Día de Galicia

Esta é unha acción de Casa Grande de Xanceda en colaboración co Concello de Santiago para visibilizar a importancia do rural, baixo o lema “Galicia, terra de vacas”

Santiago de Compostela converteuse este sábado na primeira cidade do mundo cun Paso de Vaca para peóns. Na inauguración estiveron presentes varios concelleiros da corporación e dúas das socias de Casa Grande de Xanceda.

Inauguraron o paso os concelleiros do goberno Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, José Manuel Pichel e a voceira do BNG, Goretti Sanmartín, que cortaron o lazo cun fouciño. O Paso de Vaca está ubicado na Praza Roxa e xa dispoñible para ser cruzado. A concelleira Mercedes Rosón declarou que o Paso de Vaca “representa unha parte da historia de Santiago porque na zona norte e sur hai moitísimo rural, e na norte aínda quedan granxas e, polo tanto, as vacas están no noso imaxinario e no noso presente”. Ao fío diso tamén engadiu que “durante moitos anos a feira de gando estivo moi preto de aquí, na Alameda e, polo tanto, tiñamos que participar do Paso de Vaca”.

Pola súa banda a socia de Casa Grande de Xanceda, Cristina Fernández-Armesto afirmou que “ o Día de Galicia é perfecto para reivindicar o rural, que forma parte da nosa vida e é innegable que Galicia é terra de vacas. O que pretendemos é poñer en valor nas cidades o rural e as vacas, que valorizan o campo e dan valor e emprego. O paso de vaca represéntanos moito mellor que o de cebra e o noso obxectivo é levar estes pasos a todas as cidades galegas.

O día 25, de 12.00h a 20.00h, para celebrar o Día de Galicia co Paso de Vaca, todas as persoas que se acheguen á Praza Roxa poderán desfrutar dunha carpa con degustación de produtos de Casa Grande de Xanceda e actividades para todas as idades e os peregrinos poderán selar a súa Compostela con selo de Paso de Vaca. O lema da iniciativa será “Galicia, terra de vacas”.

Esta será a primeira parada de Paso de Vaca, xa que continuará o traballo para expandir a iniciativa a todas as cidades galegas.

Motivos para un Paso de Vaca

Nun lugar como Galicia, sobran os motivos para esta homenaxe ás vacas. É o territorio que máis leite produce de todo o Estado e o décimo no ranking europeo. Ademais, as vacas forman parte da nosa idiosincrasia, somos case tres millóns de galegos e case un millón de vacas!

Por outra banda, son sectores como o leiteiro os que manteñen vivas moitas aldeas no medio do grave proceso de despoboamento que sofre o rural galego. Cómpre subliñar que máis de 8000 familias se dedican directamente á produción de leite en Galicia, cos postos indirectos que esta actividade xera.

En definitiva, o Paso de Vaca quere ser un símbolo das cidades e vilas galegas como homenaxe ao sector agrogandeiro e ás vacas e tamén para reivindicar o consumo de produtos locais a un prezo xusto, para manter un rural vivo.

Outros Pasos de Vaca

En Galicia hai outros cinco pasos de vaca. Sitúanse en vilas leiteiras: Arzúa, Mazaricos, Santa Comba, A Baña e Mesía. O primeiro paso estivo instalado, de xeito temporal, na Coruña.

Comentarios
Lo más