Luz verde á senda de Marzoa no Concello de Oroso

Luz verde á senda de Marzoa no Concello de Oroso
Luz verde á senda de Marzoa no Concello de Oroso

Cun investimento de 200 mil euros

A Comisión de Infraestruturas e Obras da Deputación da Coruña aprobou esta semana o proxecto da senda de Marzoa no Concello de Oroso, un proxecto moi importante para a parroquia que suporá un investimento superior aos 200.000 euros.

A aprobación definitiva da actuación será no pleno provincial do próximo venres, 30 de xullo, e o alcalde de Oroso, Luis Rey, está en contacto permanente estes días cos veciños da zona para explicarlles o proxecto.

A senda, na estrada provincial DP-3802, terá máis dun quilómetro e será fundamental para mellorar a seguridade viaria en Marzoa, tanto dos peóns como dos vehículos. Chegará ata o límite co Concello de Frades e pasará por diante do local social, polo que é unha zona moi transitada polos veciños.

Aínda que o acordo cos propietarios dos terreos afectados pola construción da senda era maioritario, finalmente a cesión dos mesmos chegará por vía dunha expropiación, polo que recibirán unha compensación económica.

A infraestrutura, unha vella demanda veciñal, sufriu un retraso pola última concentración parceleria na zona pola que transcurrirá a senda, o que obrigou a reformular o proxecto.

“Estamos moi satisfeitos, é unha senda moi importante para Marzoa e para o día a día dos seus veciños”, afirma Luis Rey, alcalde de Oroso.

“O concello pelexou moito por esta infraestrutura desde hai anos e tras moitas xestións conseguimos o apoio da Deputación da Coruña, polo que as obras comezarán xa”, engade.

Comentarios
Lo más