O Real Padroado de Santiago reune hoxe ao Rei, os presidentes do Goberno e Xunta e ao alcalde

O Real Padroado de Santiago reune hoxe ao Rei, os presidentes do Goberno e Xunta e ao alcalde
O Real Padroado de Santiago reune hoxe ao Rei, os presidentes do Goberno e Xunta e ao alcalde

Celebrarase ás 17.00 horas no Hostal dos Reis Católicos. A última xuntanza do órgano interadministrativo tivo lugar en decembro de 2003, en vésperas do Ano Santo de 2004.

A reunión do Real Padroado de Santiago, que terá lugar este domingo tras 18 anos, reunirá en Compostela ao Rei, os presidentes do Goberno e Xunta e ao alcalde

Tal e como indicaba o alcalde, Sánchez Bugallo, esta semana é no Real Padroado  onde se vai establecer a folla de ruta, “o programa 2022-2032 que ten que servir para impulsar a cidade e debuxar o Santiago do século XXI”. Un órgano de titularidade estatal” que colabora co Concello e “coa Xunta de Galicia para que Santiago sexa a cidade  que todos os galegos e todos os composteláns queremos que sexa”, indicou. Trátase, engadiu, “dun proxecto de cidade” compartido “por todos os españois”, no que o Consorcio é o órgano encargado de “executar ese programa en función das dispoñibilidades orzamentarias”.

Real Padroado
En 1991 nacía o Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, a partir da reformulación dun organismo que, como tal, xa existía dende 1964. O seu obxectivo principal é o de coordinar e promover as accións do Goberno de España, Xunta de Galicia e Concello de Santiago, orientadas á preservación e revitalización da cidade de Santiago de Compostela e do seu patrimonio cultural. O órgano executor das accións marcadas polo Real Padroado é o Consorcio da cidade de Santiago de Compostela, instituído en 1992.

O Real Padroado de Santiago mantén a súa sede na cidade de Santiago. Segundo o decreto de constitución, a presidencia de honra corresponde ao Rei de España e a presidencia ao Presidente do Goberno. Forman parte do mesmo varios ministros, o presidente da Xunta de Galicia, o delegado do Goberno en Galicia, o alcalde de Santiago, o Arcebispo de Santiago e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

O Real Padroado ten como obxectivo promover e coordinar todas aquelas accións que deban realizar en Santiago de Compostela as administracións e entidades que o compoñen, dirixidas á preservación e revitalización do Patrimonio Cultural representado pola Cidade de Santiago, nos seus aspectos histórico-artísticos e arquitectónicos, á difusión dos valores europeístas e ao desenvolvemento e potenciación das actividades turísticas e culturais vinculadas ao itinerario xacobeo.

Para alcanzar ese obxectivo, o labor do Real Padroado é:
a) Promover a execución de obras, servizos e instalacións en xeral, así como a construción e establecemento de medios adecuados de transportes e comunicacións urbanos e interurbanos relacionados cos obxectivos do Padroado.
b) Impulsar a coordinación dos investimentos que se proxecten polas administracións central, autonómica e local, para a realización das obras, servizos e instalacións antes referidas.

c) Promocionar iniciativas e proxectos culturais dirixidos á potenciación da cidade de Compostela na súa condición de lugar de encontro europeo. 

Comentarios
Lo más