Santiago recibirá unha inxección de 281,5 millóns no periodo 2021-2032 aprobada polo Real Padroado

Santiago recibirá unha inxección de 281,5 millóns no periodo 2021-2032 aprobada polo Real Padroado
Santiago recibirá unha inxección de 281,5 millóns no periodo 2021-2032 aprobada polo Real Padroado

O Real Padroado da Cidade de Santiago acorda unha proposta estratéxica ata o ano 2032 con actuacións en materia patrimonial, cultural, ambiental e novas infraestruturas

O Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela ten como principal obxectivo coordinar e promover as accións do Goberno de España, Xunta de Galicia e Concello de Santiago, orientadas á preservación e revitalización da cidade de Santiago de Compostela e do seu patrimonio cultural. Esta tarde reuníase por primeira vez en 18 anos. O acto estivo presidido pola S.M. o Rei Felipe VI e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Tamén participaron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño; a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero; a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez; o ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta; o delegado do Gobierno en Galicia, José Manuel Miñones; o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade -órgano executor do Real Padroado-, Xosé Sánchez Bugallo; o arzobispo de Santiago, Julián Barrio; o reitor da Universidad de Santiago de Compostela, Antonio López; e a subsecretaria do Ministerio de Cultura e Deporte, Andrea Gavela, que actúa como secretaria.


Na xuntanza, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo, presentou a "Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032 `Camiño de Compostela 2032´". O documento estrutúrase en tres eixes sectoriais de actuación: mantemento e restauración do patrimonio; cultura e sociedade; e espazo público, infraestruturas e medio ambiente; máis dous eixes transversais: planificación, formación, Unesco, proxectos europeos e gobernanza; e funcionamento ordinario e mantemento do patrimonio propio do Consorcio. Santiago de Compostela representa internacionalmente un modelo urbano de éxito baseado no seu valor patrimonial, e esta proposta estratéxica busca seguir nesta mesma liña no futuro; pero revisando constantemente e de forma aberta o concepto de patrimonio para estendelo á forma urbana na súa relación co territorio.

Esta proposta ten un investimento previsto global de 281.562.000 €, que se artellan sobre tres importantes proxectos aglutinadores.

O proxecto "Dobre anel": intervencións nos espazos perimetrais e nas zonas verdes
O proxecto "Dobre anel" propón, nun primeiro ámbito de intervención, reordenar todos os espazos perimetrais da améndoa, principalmente o eixe Basquiños – Virxe da Cerca – Senra, coa praza de Galicia como nodo central. O segundo anel sería o formado polos espazos verdes, con actuacións previstas nesta década na Alameda, o Campus Sur, os terreos do Xardín Botánico e Brañas de Sar. Tamén se prevé potenciar a rede de sendeiros que vencellan todos os espazos deste anel verde xunto cos corredores fluviais do Sar e o Sarela, que definen o territorio natural máis próximo á cidade. E, por último, proponse actuar nos dous corredores que conectan os dous aneis, a rúa do Hórreo e a rúa do Sar; a rúa do Hórreo conecta a intermodal coa praza de Galicia e con toda a cidade histórica; e a rúa do Sar une a cidade histórica cos espazos verdes e coa Cidade da Cultura, o que permite ofrecer novos atractivos turísticos que poidan reducir a presión no centro, integrando ademais a Colexiata de Sar como conexión entre a cidade histórica e a Cidade da Cultura.

O proxecto "Xestión de fluxos": loxística urbana de mercadorías e o valor da auga
O proxecto "Xestión de fluxos" é o máis ambicioso, centrado en garantir a preservación patrimonial da cidade histórica, facéndoa compatible coas necesidades e circunstancias actuais, tendo en conta a necesidade de reordenar a distribución de mercadorías e aprovisionamentos e o ciclo integral da auga. No primeiro caso, as actuacións incluirán a creación dun centro loxístico robotizado de distribución, localizado preto do casco histórico e das principais vías de comunicación, a conformación do modelo con todos os axentes implicados, o deseño de rutas óptimas e a adquisición de vehículos de baixo impacto medioambiental.

O proxecto "Compostela Cultura Area": a fusión da cultura e o patrimonio
O proxecto "Compostela Cultural Area" busca utilizar os espazos patrimoniais dispoñibles, xunto con outros infrautilizados ou que se poidan xerar en áreas periféricas da cidade, como base de novas dotacións e propostas culturais, de residencias de artistas internacionais e de intercambios culturais. Trátase de crear produtos culturais ligados ao patrimonio, xerando fluxos turísticos que desconxestionen as zonas máis saturadas, dando lugar a un turismo de máis calidade e que alongue a súa permanencia na cidade. Tamén xerar festivais consolidados para os anos entre Xacobeos.

Outras actuacións destacadas
Con esta mesma filosofía de recuperación e utilización de espazos patrimoniais infrautilizados, crearíase o Polo Audiovisual de Galicia, que se localizaría no Instituto Galego de Información, unha vez acometida a adquisición e rehabilitación do edificio. Por outro lado, aproveitando a longa experiencia do Consorcio en recuperar edificios para usos dotacionais da cidade (Museo das Peregrinacións e de Santiago, Ala Sur de Bonaval para Museo do Pobo Galego, Casa do Cabido, Curtiduría de Pontepedriña para Centro Nacional de Referencia en Formación en Rehabilitación…), proponse tamén recuperar e interpretar o espazo público e outros edificios como soporte de actividades esenciais para a cidade. Neste ámbito, a intervención máis ambiciosa é a que quere recuperar parte dos edificios do antigo Hospital Psiquiátrico de Conxo e todo o seu contorno como Polo de Formación Profesional Biosanitario.

Monumentos, tecido residencial e comercial
A estas liñas principais de actuación súmase a rehabilitación e conservación do tecido residencial, a revitalización do tecido comercial, a conservación e recuperación das grandes pezas monumentais da cidade, ás que se engade a Facultade de Xeografía e Historia, e dos seus bens mobles, o mantemento do Multiusos Fontes o Sar ou o Palacio de Congresos, entre moitas outras. Tamén a creación de infraestruturas do século XXI que permitan á cidade histórica gozar das mesmas oportunidades que os barrios periféricos, continuar co mantemento do lousado, os programas de formación e divulgación en rehabilitación, así como a posta en valor do contorno dos camiños. Ademais, destaca o sostemento de dúas institucións culturais senlleiras da cidade como a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, entre outras iniciativas.

Todas as liñas de actuación recollidas na proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago forman parte dun novo impulso que contribúe a construír un modelo transformador para a cidade, co que aumenta a competitividade, a posibilidade de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e a capacidade do seu territorio para evolucionar e adaptarse a distintos escenarios posibles, pero sempre desde a base do seu excepcional patrimonio cultural.

Exemplo de colaboración institucional
O alcalde de Santiago comezou o seu discurso agradecendo á súa maxestade o Rei "o apoio que durante todos estes anos brindou á cidade de Santiago", así como ao presidente do Goberno, "que fixo hoxe un esforzo ímprobo por estar hoxe aquí"; e ao presidente da Xunta, "con quen traballamos man a man baixo a bandeira da lealdade institucional para facer de Santiago a extraordinaria capital de Galicia que é". O encontro de todos eles, salientou, pon de manifesto que o Real Padroado é exemplo de colaboración institucional, o que reporta "enormes beneficios" á cidadanía.

No seu discurso tamén quixo deixar patente a importancia do Real Padroado e do Consorcio na reafirmación do papel de Santiago no conxunto de España: ambas institucións, indicou "son a expresión de que Santiago é a cidade de todos os composteláns e compostelás, dos galegos e das galegas e tamén dos españois e españolas. A súa significación trascende fronteras, da man dun dos seus símbolos máis universais, o Camiño de Santiago. É moi difícil entender a España actual sen coñecer e comprender o papel que os diferentes camiños desempeñaron na constitución do noso país, e o Real Padroado e o Consorcio son a expresión do papel e do significado de Santiago para Galicia e España".

Sánchez Bugallo lembrou que a última xuntanza do Real Padroado, en 2003, alumeou un plan de investimentos que "axudou a transformar a cidade na magnífica Compostela que hoxe desfrutamos" e amosou a súa convicción de que a estratexia acordada hoxe axudará a definir o Santiago do futuro. "Se o obxectivo do anterior documento foi manter e revitalizar o casco histórico, nesta ocasión a meta é converternos na Compostela do século XXI, unha cidade intelixente, moderna, integradora, con capacidade para facilitar a vida e colmar as necesidades dos seus habitantes", indicou. Comprometeuse a "traballar man a man con todas as administracións hoxe aquí presentes para que sexa unha realidade 
Comentarios
Lo más