A Deputación financiará a creación dunha senda peonil que unirá Oroso Pequeno e o parque fluvial do río Carboeiro

A Deputación financiará a creación dunha senda peonil que unirá Oroso Pequeno e o parque fluvial do río Carboeiro
A Deputación financiará a creación dunha senda peonil que unirá Oroso Pequeno e o parque fluvial do río Carboeiro

O goberno provincial levará a pleno a aprobación dunha subvención de 163.601,14 euros

A Deputación da Coruña destinará 163.601,14 euros para financiar a creación dunha senda peonil que unirá o núcleo de Oroso Pequeno co parque fluvial do río Carboeiro, no Concello de Oroso.

O goberno provincial levará este venres a pleno a aprobación desta subvención pola que a Deputación aportará 163.601,14 euros, o que supón o 80% do orzamento total de 204.501,42 euros co que conta o proxecto.

Esta actuación permitirá mellorar a seguridade viaria nun tramo que é moi utilizado polos peregrinos que veñen polo Camiño Inglés e se desvían cara o núcleo de Sigüeiro. Ao non existir un tramo continuo delimitado teñen que camiñar polo borde da rúa ou ocupando a estrada nalgúns casos, cos problemas que isto implica.

Así, realizarase unha intervención en dous tramos. No primeiro, que discorre de Oroso Pequeno ata a avenida de Álvaro Cunqueiro, limitarase o tráfico rodado a un sentido único e contrario ao fluxo peonil xa que existen dificultades para a ampliación. A senda estará sobre a cuneta esquerda e parte da calzada, resultando un ancho mínimo de 3,10 metros para a sección do tráfico rodado e un ancho variable entre 1,20 meros e 1,50 metros para a senda.

O segundo tramo discorre pola avenida Álvaro Cunqueiro. Na súa parte inicial irá en continuidade co primeiro tramo xa que o cambio de rasante da vía fai perigoso o cruce da estrada polos peóns tanto ao comezo como ao rematar o treito. Ao final, tan pronto como sexa seguro, cruzarase a avenida cara a área recreativa do Carboeiro.

Proponse un pavimento ecolóxico terrizo para todo o conxunto da actuación, agás no cruce cara a área recreativa que se usará pavimento de formigón desactivado.

Comentarios
Lo más