800 mil euros para a remodelación integral do IES Lamas de Abade

800 mil euros para a remodelación integral do IES Lamas de Abade
800 mil euros para a remodelación integral do IES Lamas de Abade

 Inclúese no paquete de 84 actuacións que a Xunta de Galicia vai licitar antes de fin de ano, por importe de máis de 39,4M€

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou  o instituto IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela), onde anunciou a licitación, esta mesma mañá, da rehabilitación integral deste centro. A actuación, explicou, enmárcase no paquete de 84 obras que o departamento educativo da Xunta de Galicia vai licitar antes de fin de ano, por importe de máis de 39,4M€.


No referido á rehabilitación do instituto compostelán, o conselleiro explicou que vai ter unha importante compoñente de mellora da eficiencia enerxética. Neste sentido, a actuación contempla a impermeabilización da fachada mediante sistema SATE (Sistema de Illamento Térmico Exterior), a substitución da cuberta e a renovación das carpinterías exteriores, as baixantes e as luminarias, “obras todas elas dirixidas a minguar o consumo enerxético”, sinalou o conselleiro.

Así mesmo, mellorarase a accesibilidade do centro substituíndo algunhas das escaleiras por ramplas e acometeranse outras obras accesorias como o pulido de terrazo, o cambio das tubaxes ou a instalación de novos falsos teitos, entre outras.

Os traballos terán un prazo de execución de cinco meses, polo que a previsión é telos rematados no primeiro semestre de 2022.

Máis de 550 actuacións no verán

Román Rodríguez lembrou que o Goberno galego vai realizar este verán un total de 557 actuacións para a mellora dos centros escolares, por importe de preto de 30M€, das que 53 serán grandes actuacións (entre elas oito rehabilitacións integrais) e as restantes obras serán de pequena e mediana envergadura. Tal e como sinalou o conselleiro, a través desta acción crearanse arredor de 1400 postos de traballo en máis de 630 empresas, beneficiando a preto de 150.000 alumnos (máis do 50% dos matriculados en centros públicos) de arredor de 400 centros educativos. Isto suporá actuar en máis da metade dos concellos de Galicia (58,7%) e en aproximadamente o 40% dos centros públicos.

A maiores, o Goberno galego vai rematar e recibir outras 41 actuacións, por importe de máis de 17M€. Trátase de obras iniciadas no ano 2020 ou anteriores ás que se lle están dando os últimos retoques este verán ou actuacións que se van recibir en próximas datas, executadas e datas previas.

“En definitiva –dixo– un investimento total de máis de 86M€ para adecuar as instalacións dos centros educativos galegos ás esixencias da próxima década”. “Un novo modelo de centros escolares post-covid –engadiu– que baseamos na folla de ruta que é o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, coa que acadaremos espazos máis amplos e saudables, máis sustentables e mellor integrados na contorna, espazos accesibles e inclusivos e centros educativos intelixentes, deseñados para os retos tecnolóxicos de futuro, con polos creativos e adaptados para o ensino dixital e mixto”.

Comentarios
Lo más