Tres persoeiros ilustres de Compostela revivirán para realizar visitas teatralizadas pola cidade histórica

Tres persoeiros ilustres de Compostela revivirán para realizar visitas teatralizadas pola cidade histórica
Tres persoeiros ilustres de Compostela revivirán para realizar visitas teatralizadas pola cidade histórica

Esta iniciativa inclúe, entre outras actividades, un concerto protagonizado por tunos veteranos vencellados a universidades do Camiño Portugués

O Museo Casa de la Troya vai poñer en marcha o proxecto “Roteiros de Compostela: do Pórtico da Gloria á Casa de la Troya”, unha iniciativa apoiada polo Xacobeo 2021-2022. O presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, Benigno Amor, sinala que “a proposta conxuga, a través dunha serie de actividades, aspectos patrimoniais e culturais, contribuíndo a divulgar de xeito lúdico a historia e a vida social de Compostela, así como a pegada na cidade dos peregrinos en diferentes épocas. Contempla tamén dúas actuacións vencelladas directamente ao Camiño Portugués”. Aplicaranse os protocolos axeitados fronte á COVID-19 para que as actividades se realicen con seguridade.

Un achegamento á historia de Compostela desde a construción do Pórtico da Gloria (s. XIII) ata os tempos de La Casa de la Troya (finais do s. XIX)

En agosto e setembro celebraranse un total de 8 roteiros teatralizados polo casco histórico de Santiago. O actor, historiador e guía Suso Martínez encargarase de amenizar estes percorridos, relatando a historia de Compostela desde a construción do Pórtico da Gloria (s. XIII) ata os tempos de La Casa de la Troya (finais do s. XIX), incluíndo a visita ao Museo. “Trátase de itinerarios temáticos animados por personaxes cuxa misión é axudarnos a interpretar e descubrir o valor do patrimonio cultural da cidade. Nestes roteiros, o guía irá alternando os seguintes personaxes históricos de Compostela: o trobador Paio Gomes Chariño, o colexial de San Patricio (Colexio dos Irlandenses de Santiago) William Lamport, e o cronista e arquiveiro Pablo Pérez Costanti. As visitas faranse en galego ou castelán, dependendo da procedencia do público” -explica Amor-. Comezarán ás 20 h, o máximo de participantes é de 10 e o prezo de cada roteiro é de 5 €.

Paio Gomes Chariño conduciranos á Compostela de finais do século XIII, aos tempos de Afonso X e de Don Dinís de Portugal, nun paseo polos lugares vencellados a trobadores, poetas e protagonistas da lírica medieval. Será unha viaxe ao Século de Ouro da nosa literatura galego-portuguesa e das peregrinacións a Compostela, e ao tempo do arcebispo Joám Airas, quen remata o Pazo de Xelmírez. O punto de partida será a Praza do Obradoiro, pasando por Praterías, igrexa de Salomé, Praza da Quintana (estatuaria da Porta Santa), Rúa da Moeda Vella, San Martiño Pinario e Rúa da Troia. No transcurso dos mesmos interpretarase o “Romance de Don Gaiferos”, cun músico con zanfona. Serán o 6 de agosto e o 23 de setembro.


William Lamport foi estudante do Colexio de San Patricio, situado na Rúa Nova. Foi un inmigrante, conspirador, soldado, revolucionario e poeta místico irlandés. No percorrido falará da súa azarosa vida, levándonos á Compostela barroca do s. XVII, aos tempos dos arcebispos Maximiliano de Austria e Beltrán de Guevara, que deixarán unha descoñecida pero importante impronta na Catedral. Esta visita comezará no Colexio dos Irlandeses (Rúa Nova). O guía explicará a pegada de viaxeiros estranxeiros en Compostela, pasando por Mazarelos, Praza de Abastos, Porta do Camiño, Casas Reais, Algalia de Arriba, Casa Gótica, San Martiño Pinario e Rúa da Troia. Celebraranse os días 13, 20 e 27 de agosto.

O compostelán Pablo Pérez Costanti foi arquiveiro e escritor. Investigou e divulgou multitude de aspectos históricos composteláns, algúns deles recollidos nos tres tomos das súas apaixonantes "Notas viejas galicianas" (1925). Foi académico fundador da Real Academia Galega, correspondente da Real Academia da Historia e da Real Academia de Belas Artes. Estes roteiros sairán da Porta do Camiño e pasarán por Casas Reais, Praza de Salvador Parga (Real Sociedad Económica de Amigos del País), Algalia de Arriba, Casa Gótica, San Martiño Pinario e Rúa da Troia. Terán lugar o 2, 9 e 16 de setembro.

“Estes roteiros teatralizados están dirixidos tanto a composteláns como a visitantes e peregrinos. Aos primeiros para axudalos a coñecer mellor a cidade e aos visitantes e peregrinos para amosarlles dun xeito lúdico parte do patrimonio da historia vencellado ao Camiño de Santiago. Trátase dun xeito orixinal de difundir historias do Camiño e poñer en valor a cidade de Santiago” -apunta Amor-.

Concerto “A música nas Universidades do Camiño Portugués”

Dentro desta proposta vaise celebrar o concerto “A música nas Universidades do Camiño Portugués”, coa participación de cinco agrupacións de corda pulsada compostas por tunos veteranos e vencelladas a universidades do Camiño Portugués: Troyanos de Compostela (agrupación musical da Asociación Cultural – Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya), a Tuna de Veteranos da Facultade de Medicina da USC, a Tuna Veterana da Universidade Portucalense, a Quarentuna de Coímbra e  RATUS da Universidad de Salamanca. Esta actuación, na que se interpretarán músicas que forman parte das “bandas sonoras” destas tres cidades universitarias do Camiño Portugués, terá lugar o 9 de outubro no Auditorio Abanca de Santiago.

“Peregrinatio Rosaliana” de Santiago a Padrón

“Troyanos de Compostela” realizará unha “Peregrinatio Rosaliana” desde Santiago a Padrón para visitar a Casa Museo de Rosalía de Castro e lembrar a fonda vinculación xacobea da vila. A agrupación musical do Museo, acompañada por todos os que desexen sumarse a esta iniciativa, trasladarase a Padrón, onde “peregrinará” en pasarrúas desde a Casa Museo de Rosalía ata a fonte do Carme, xunto á ponte de Santiago, interpretando pezas do seu repertorio durante o percorrido. Este repertorio está composto maioritariamente por músicas de autores galegos de finais do século XIX e comezos do XX. O obxecto desta actuación é destacar os dous fitos turístico-culturais máis importantes da vila de Padrón a través dun roteiro musical. Será o 3 de setembro.

Tarifa especial para peregrinos

O Museo Casa de la Troya recrea a antiga pensión de estudantes inmortalizada por Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. “A visita ao museo, que pola súa orixinalidade e vinculación co ámbito universitario e estudantil pode considerarse único no seu xénero, constitúe unha viaxe no tempo á Compostela de finais do século XIX. Todas as visitas son guiadas, o que lle confire maior interese á experiencia, que ten unha duración dunha media hora” -indica o director-. O horario é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, pechando os domingos e os luns.

A partir do 1 de agosto haberá unha tarifa especial de 1 € para os peregrinos que visiten o museo, previa acreditación coa súa Compostela. Así mesmo, a primeira visita de cada día será de balde para un grupo máximo de seis peregrinos.

Comentarios
Lo más