O Delas Fest 2021 suma dúas novas obras á galería de arte urbana compostelá

O Delas Fest 2021 suma dúas novas obras á galería de arte urbana compostelá
O Delas Fest 2021 suma dúas novas obras á galería de arte urbana compostelá

Lily Brick realizou un mural con pintura plástica e spray no barrio de Pontepedriña e as participantes no obradoiro de pintura mural impartido por Iria Prol crearon unha peza de autoría colectiva no Complexo Deportivo de Santa Isabel.

A fisionomía do polígono de vivendas dos grupos Compostela e Cardeal Quiroga Palacios experimentou unha metamorfose de cor nos últimos días grazas á programación do primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, o Delas Fest. O barrio de Pontepedriña foi o lugar escollido para a intervención artística que acolleu a capital galega nesta terceira edición do proxecto, impulsado por 7H Cooperativa Cultural co apoio da Deputación da Coruña, os concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión, as empresas Montana Colors, Ibersa, Gadis, E.nova Enerxía e a Fundación Finanzas Éticas. A artista visual Mireia Serra i Bernadó (Lleida, 1990), coñecida artisticamente como Lily Brick, realizou un mural de gran formato con spray e pintura plástica inspirado nas historias compartidas por veciñanza da zona implicada na convocatoria “Anfitriónate”, lanzada pola organización co fin de promover vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e a comunidade local. A creadora ilerdense traduciu as memorias e vivencias que lle compartiron as participantes, coas que se reuniu virtual e presencialmente, nun impactante relato visual que reivindica a memoria de loita das mulleres do barrio. Encargadas do coidado das súas crianzas e, á vez, do sostemento da economía familiar, en moitos casos vinculada ao río Sar, foron exemplo de todas as que turraron, durante xeracións, cara a adiante malia ter enfronte un horizonte duro e incerto, tal e como reflicte o verso de SES que pon palabras ao mural. A pegada da arte urbana medra en Santa Isabel Ademais da peza de Brick, o paso do festival polo territorio compostelá deixou unha nova obra de autoría colectiva no Complexo Deportivo de Santa Isabel. O grupo de participantes no obradoiro de pintura mural para artistas, impartido pola ilustradora e muralista Iria Prol, crearon unha colorida e suxestiva composición protagonizada por numerosas figuras que visibilizan e reivindican a diferenza desde a representación de corpos e identidades diversas. A partir do bosquexo inicial formulado pola artista galega, as asistentes ao taller reinterpretaron o deseño, incorporando a súa propia visión á proposta, posteriormente executada de forma colaborativa. O resultado incrementa a presenza da arte urbana feminista e contextual no pavillón municipal, onde tamén é posible gozar da obra de Xoana Almar e da peza resultante do taller de Dúo Amazonas, ambas as dúas realizadas durante a edición 2020 do festival.

Comentarios
Lo más