Denuncian que o Concello converte a Santiago na cidade máis morosa de Galicia

Denuncian que o Concello converte a Santiago na cidade máis morosa de Galicia
Denuncian que o Concello converte a Santiago na cidade máis morosa de Galicia

Os últimos datos do Ministerio de Facenda indican que o Concello supera os 50 días para pagar as facturas e que leva 18 meses incumprindo os 30 días que marca a Lei

O Concello de Santiago continúa a incumprir o prazo máximo para os pagamentos a empresas e autónomos que realizan traballos ou entregan bens e servizos para atender as necesidades da administración pública local, superando con frecuencia e amplamente o período medio de pago (PMP) establecido en 30 días pola Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril. O cumprimento deste prazo, non só afecta negativamente sobre todo ao tecido empresarial e comercial local, que debe agardar por uns recursos moi necesarios especialmente nestes momentos, senón que tamén con carácter xeral pode repercutir negativamente no uso dos remanentes orzamentarios.

O último dato oficial publicado do PMP corresponde ao mes de maio de 2021 no que se constata que no Concello de Santiago o atraso supera os 50 días (50,40), cun volume de pagos pendentes superior aos 3 millóns de euros (3.018.272 euros). Desde o inicio da actual mandato en xuño de 2019, o Goberno local unicamente cumpriu o prazo en 5 meses, mentres que en 18 -incluídos todos os meses deste ano 2021- superou amplamente o prazo legal, acadando o récord en agosto de 2019 con 101,55 días.

Santiago á cabeza das cidades debedoras

Á vista destes datos o Concello de Santiago, con máis de 50 días de demora, figura xa como a cidade máis morosa de Galicia, desbancando ao Concello de Ourense que no ano pasado chegou a superar os 100 días e nos datos de maio rexistra 43,66 días de retraso no pagamento. O resto das cidades veñen cumprindo en xeral o prazo establecido (en maio de 2021: A Coruña, 18,70 días; Vigo, 9,53 días; Lugo, 9,15 días e Ferrol, 21,01 días). Unicamente Pontevedra, xunto con Ourense e Santiago, supera o prazo dos 30 días, ao rexistrar 38,83 días de retraso no pago das facturas pendentes.

Desde que en 2014 o Ministerio de Facenda comezara a centralizar o período medio de pagamento das distintas administracións públicas españolas, o mellor índice do Concello de Santiago rexistrouse en marzo de 2015, mes no que as facturas chegaron a pagarse en 9,04 días e durante todo ese período mentres gobernou o Partido Popular no Concello houbo un cumprimento exhaustivo dos prazos en todos os meses do mandato.


Comentarios
Lo más