O TSXG autoriza á Xunta limitar o dereito de reunión polo incremento do virus

O TSXG autoriza á Xunta limitar o dereito de reunión polo incremento do virus
O TSXG autoriza á Xunta limitar o dereito de reunión polo incremento do virus

O tribunal entende que as medidas “cumpren as esixencias de ser necesarias e proporcionadas”

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta manter a limitación, en toda a comunidade autónoma, do número de persoas que se poden reunir en espazos públicos ou privados -seis, en interiores; e dez, en exteriores-, así como prohibir encontros con non conviventes entre as tres e as seis da madrugada. Os xuíces destacan, tras examinar o informe da Consellería de Sanidade, que as medidas propostas “responden a unha situación clara de incremento no virus”.


Os maxistrados entenden que as limitacións “non teñen un impacto significativo no dereito de reunión, máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado en maior medida polos mozos, máis proclives ao contacto social”. Ademais, conclúen que as medidas “cumpren as esixencias de ser necesarias e proporcionadas”. Por iso, a sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG tamén autorizou á Xunta ascender de nivel de risco a determinados municipios nos que empeorou a evolución do virus, o que conleva que o nivel de restrición sexa máis elevado entre a unha da madrugada (hora de peche dos establecementos nocturnos) e as seis. 

O tribunal sinala na resolución que o informe técnico e os gráficos cos datos de contaxios de cada municipio presentados pola administración autonómica “amparan as limitacións propostas”, xa que revelan “un preocupante incremento na transmisión da infección”. Na última semana, segundo ese informe, non se rexistraron casos en 35 concellos.

O documento especifica que entre o 13 e o 19 de xullo se realizaron 80.831 probas diagnósticas -49.625 PCR e 31.206 de antíxenos-, cunha porcentaxe de positividade a sete días do 10,78 %, o que supón un aumento do 42 % respecto a os test realizados entre o 6 e o 16 de xullo. O informe tamén reflicte que a incidencia acumulada a sete e 14 días foi de 334 e 602 casos por cada 100.000 habitantes, respectivamente, valores que son un 25 % e un 55 % superiores aos de hai unha semana.

O TSXG, con todo, advirte que os datos se teñen que ponderar con outros factores, como os demográficos ou os gromos descontrolados, os cales se tiveron en conta “para propoñer as limitacións de agrupamentos, en xeral, e as máis limitadas nos municipios que presentan unhas incidencias máis adversas, todos os cales foron obxecto dun tratamento singular no informe técnico do 29 de xullo”. Contra o auto cabe presentar recurso de casación ante do Tribunal Supremo. 
Comentarios
Lo más