Comeza o estudo para a mellora da accesibilidade na contorna da Praza Ultreia

Comeza o estudo para a mellora da accesibilidade na contorna da Praza Ultreia
Comeza o estudo para a mellora da accesibilidade na contorna da Praza Ultreia

A Xunta de Goberno  acordou aprobar inicialmente o "Estudo de detalle para a dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na Praza de Ultreia".

 O proxecto pretende mellorar as actuais condicións de accesibilidade e funcionalidade das vivendas existentes, definindo a implantación de ascensores e itinerarios peonís accesibles, así como o tratamento das fachadas e as actuacións de reurbanización e acondicionamento dos espazos públicos afectados.


En total, está prevista a instalación de ascensores en 24 edificios, un na Avenida de de Salamanca, dous na rúa do Espíritu Santo, seis na Pastoriza, e 15 na Praza Ultreia.

Como condición para a apertura do trámite de información pública, achegarase un plano no que figuren claramente identificados, sobre o parcelario catastral, os terreos públicos e privados de necesaria ocupación para executar as actuacións propostas.

As actuacións dirixidas á mellora das condicións de accesibilidade e da eficiencia enerxética previstas no Estudo de detalle non computarán para os efectos de edificabilidade, volume máximo edificable e ocupación de parcela, nin de distancias mínimas a lindeiros, outras edificacións, espazos públicos e vías públicas, ou cumprimento de aliñacións.

Este estudo de detalle inicialmente aprobado someterase a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia. Simultaneamente, practicarase notificación individual aos titulares catastrais das parcelas afectadas. Durante o trámite de información pública solicitarase o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. 

Comentarios
Lo más