Concello e Cruz Vermella asinan dous convenios para o desenvolvemento do SEMUS e dos programas de teleasistencia e atención a persoas sen fogar

Concello e Cruz Vermella asinan dous convenios para o desenvolvemento do SEMUS e dos programas de teleasistencia e atención a persoas sen fogar
Concello e Cruz Vermella asinan dous convenios para o desenvolvemento do SEMUS e dos programas de teleasistencia e atención a persoas sen fogar

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o presidente de Cruz Vermella Santiago, José Luís Barreiro Conde, asinaron  dous convenios de colaboración para o desenvolvemento, durante o ano 2021, do SEMUS, o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, e dos programas de teleasistencia e atención a persoas sen fogar; por un importe total de 185.000 euros.

Ademais, por medio do presentes convenios, Cruz Vermella ofrécese ao Concello como entidade colaboradora para acoller a persoas que están a realizar traballos en beneficio da comunidade como forma de integración social. No acto de sinatura tamén estaban presentes a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro; e a coordinadora de Cruz Vermella en Santiago, Rocío Ovalle.


SEMUS
Para a colaboración na realización e desenvolvemento do Servizo Municipal de Urxencias Sociais, o Concello de Santiago de Compostela, con cargo ao seu Orzamento Xeral para o ano 2021, achega 100.000 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña.

O SEMUS COMPOSTELA cubre as urxencias de carácter social cando os Servizos Sociais Municipais non están operativos, realizando as súas intervencións no lugar onde se xera a urxencia, cun tempo de resposta moi breve e ofrecendo solucións acordes ao contexto no que se producen.

Diríxese á atención de persoas especialmente vulnerables e que padecen situacións de risco que se presentan de forma imprevista. É un servizo especializado que prestará atención cando os servizos sociais municipais e outros dispositivos públicos ou privados non están operativos.

O SEMUS está dispoñible os 365 días do ano, entre semana en horario de 00:00 a 08.00 h. e de 15.00 h. a 24.00 h., e sábados, domingos e festivos 24.00 h. O seu obxectivo xeral é ofrecer de xeito inmediato unha atención especializada a persoas, que de forma imprevista, se atopan en situación de vulnerabilidade social. Para activar o servizo cómpre chamar ao 112 ou a Policía Local.
Realizaranse intervencións desprazándose ao lugar onde se xera a emerxencia social, cun tempo de resposta breve e ofrecendo solucións, dentro das posibilidades reais, cos recursos existentes na cidade e acordes ao contexto no que se producen.

En todas as situacións emítese informe aos servizos sociais municipais co obxecto de valorar a ncesidade de dar continuidade ou realizar seguimento á situación atendida.

A poboación destinataria é a poboación en xeral, que se atopa incursa nalgunha situación de risco, que requira de persoal especializado en intervención social (persoas maiores, menores en situacións de risco, mulleres vítimas de violencia machista, persoas sen fogar, situacións de rúa sobrevinda, violencia familiar, problemas sociosanitarios, persoas con discapacidade en situación de desprotección, etc).

Teleasistencia e atención a persoas sen fogar
Para a colaboración na realización e desenvolvemento dos programas "Teleasistencia" e "Atención a persoas sen fogar", o Concello de Santiago de Compostela con cargo ao seu Orzamento Xeral para o ano 2021, achega 85.000 euros.

O servizo de teleasistencia é un servizo técnico, de natureza social que relaciona as persoas usuarias con sistemas de atención de emerxencias, mobilizando os recursos comunitarios existentes no su ámbito.

Ofrécese a través de dúas modalidades: teleasistencia domiciliaria, que consta dun terminal e un pulsador que se conecta dende calquera estancia do domicilio na que se atope a persoa usuaria co persoal profesional as 24 horas do día, os 365 días do ano, facilitando unha resposta e intervención inmediata ante calquera necesidade; e teleasistencia GSM, coa mesma funcionalidade que o anterior, pero coa diferenza de que leva incorporada unha tarxeta SIM, motivo polo que non precisa ir conectado á liña telefónica fixa.

O servizo é de balde para as persoas usuarias que, para poder solicitalo, deben estar incluídas nalgún dos seguintes supostos: ter máis de 65 anos; vivir ou pasar gran parte do día so/soa ou con outra persoa de similar idade e características, aínda cando convivan con outros/as; estar empadroado no Concello de Santiago; ter cubertas as necesidades básicas de vivenda, alimentación, hixiene persoal e de domicilio e dispor dunhas condicións de habitabilidade adecuadas; e dispor de liña telefónica e liña eléctrica no lugar de residencia habitual.

O programa de "Atención a persoas sen fogar" ten como obxectivo xeral o fortalecemento dun equipo especializado na intervención con persoas en situación de senfogarismo, que a través de visitas e seguimentos xere un espazo de confianza entre persoas usuarias e institucións capaz de identificar e abordar problemáticas severas, e a partir delas, acompañar ás persoas durante o seu proceso de inclusión.

Entre os obxectivos operativos figura o aloxamento de persoas sen fogar; orientar sobre dereitos, trámites e recursos, vencellados ao sistema sanitario; acompañar ás persoas en exclusión a recursos de saúde e a outros recursos co obxectivo de fortalecer o arraigo social e/ou regularizar a súa situación administrativa; orientar grupal ou individualmente sobre coidado e imaxe persoal/hábitos saudables; realizar entregas de produtos de abrigo e alimentación; avaliar a participación das persoas usuarias na elaboración dos itinerarios personalizados de inserción, así como a derivación a entidades que se valoren idóneas atendendo a cada caso.

Cruz Vermella Galicia
O obxectivo de Cruz Vermella é estar cada vez máis preto das persoas. En Galicia traballan desde 1870. Desde entón fóronse adaptando e transformando para dar resposta ás necesidades das persoas máis vulnerables da nosa comunidade, mellorando a súa calidade de vida, autonomía e favorecendo a súa integración social. Ao mesmo tempo, tratan de implicar á cidadanía nas necesidades da poboación doutros lugares do mundo así como nas emerxencias nacionais e internacionais.

Desenvolven o seu labor a través de proxectos e actividades centradas nas áreas de Inclusión social, Emprego, Educación, Socorros, Saúde, Medio Ambiente e Cooperación Internacional. Traballan con infancia, mocidade, persoas maiores, dependentes e coidadoras, mulleres en situación de dificultade, persoas sen fogar, persoas desempregadas, persoas inmigrantes e refuxiadas, persoas con discapacidade, persoas drogodependentes e persoas privadas de liberdade así como con outros colectivos con necesidades específicas.

Cruz Vermella Galicia é parte da Sociedade Nacional Cruz Vermella Española, que á súa vez é membro da Federación Internacional de Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, que é a maior organización humanitaria do mundo e presta asistencia sen discriminación por razón de nacionalidade, raza, crenzas relixiosas, clase social ou opinión política. 

Comentarios
Lo más