Terrazas de locais do casco antigo compostelano acollen do 11 ao 19 de agosto o festival de música 'Feito a man'

Terrazas de locais do casco antigo compostelano acollen do 11 ao 19 de agosto o festival de música 'Feito a man'
Terrazas de locais do casco antigo compostelano acollen do 11 ao 19 de agosto o festival de música 'Feito a man'

A xa clásica cita estival coa música ao vivo en Compostela, o Feito a Man, regresa esta edición ás prazas e terrazas dos locais da zona vella de Santiago. O festival presentouno  en Raxoi a concelleira de Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón, que estivo acompañada pola deputada provincial Milagros Castro Sánchez, en presentación da Deputación da Coruña, xunto ao presidente da Asociación Cultural Cidade Vella, Suso Pais, e a directora do festival, Ánxela Porto.

Logo do traslado puntual do festival a Bonaval a edición pasada, este 2021 o Feito a Man volve á súa ubicación habitual, as prazas e terrazas dos locais da AC Cidade Vella de Compostela, para encher de música ao vivo emprazamentos históricos da cidade desde o mércores 11 ao xoves 19 de agosto.


Mercedes Rosón destacou a maioría de idade deste festival, que con esta suma xa 18 edicións ininterrompidas dinamizando a cidade histórica de Santiago de Compostela, ao permitir que «se convertera nun gran escenario, coa música como protagonista». Tamén quixo sinalar que, acabadas as festas do Apóstolo, tanto as actividades desenvolvidas nese marco coma o Feito a Man cumpren con todas as medidas sanitarias e de seguridade anti-Covid necesarias. Rosón parabenizou a AC Cidade Vella, o seu presidente, Suso Pais, e a súa directora, Ánxela Porto, por teimar na realización deste festival que condensa estilos musicais con artes performativas e que aposta pola creatividade e a participación, amais de ser unha excelente plataforma de novos talentos musicais e por en valor o patrimonio material e inmaterial de Compostela. Rosón rematou convidando a toda a cidadanía de Compostela e visitantes a gozar do Feito a Man.

Pola súa banda, Milagros Castro, concelleira de festas estas semanas en substitución de Gonzalo Muíños e deputada provincial, asegurou que é unha honra representar a Deputación da Coruña neste festival consolidado e tan importante para a nosa cidade. «Vivimos desde hai meses unha situación excepcional… Desde a Deputación somos conscientes desta situación, polo que apoiar este tipo de eventos é apostar pola creación cultural e de emprego e riqueza no sector». A institución destina este ano 1M€ a eventos culturais, audiovisuais e de artes escénicas, e os festivais, indicou, «poden ser o motor de recuperación do sector cultural que tanto sufiu con esta pandemia».

O presidente da AC Cidade Vella, Suso Pais, agradeceu o apoio de ambas as institucións e quixo referirse ao lema desta edición «A arte é o noso faro», unha máxima que na asociación decidiron aplicar hai xa máis de 3 décadas destinando parte dos beneficios dos locais adheridos á cultura. «Así o levamos facendo desde entón e sempre contamos co apoio do Concello». Pais aproveitou para solicitar ao Concello que revise a posibilidade de realizar concertos en terrazas á marxe do festival, ao que Rosón contestou que se está a falar deste tema coa nova directiva de hostalería.

Por último, a directora do festival, Ánxela Porto, quixo agradecer tamén o apoio de Estrella Galicia e o resto de patrocinadores. «Pese a que o proxecto non é o que ten que ser, fixemos un grande esforzo por mantelo e confiamos en que isto vai a cambiar para o ano… Temos claro que a vida sen arte e sen cultura non é vida e a AC cidade Vella así o reivindica sempre co lema: Compostela, territorio musical. Sabemos que ese lema nos leva sempre a un porto seguro», afirmou. «Agardamos, en todo caso, que se cumpran as expectativas». Porto tamén tivo un recordó para o veciño de Compostela Pablo Álvarez Fariña, «parte da familia do Feito a Man», finado este ano e para quen vai unha dedicatoria no cartaz.

En total, este ano son quince as actuacións previstas nunha ducia espazos da zona monumental. De San Martiño Pinario á Quintana de Vivos, pasando pola praza dos gatos, a de Feixóo, a Vía Sacra, rúa Xelmírez, Fonte de San Miguel, Santo Agostiño-Ameas, Tras San Fiz, Tras Salomé, San Paio de Antealtares e o xardín do Momo.

Programación
Deste xeito, a Asociación Cidade Vella segue a apostar por unha iniciativa que este 2021 cumpre 17 anos. Os concertos comezarán entre as 20.30h e as 22h e haberá unha ou dúas actuacións por noite. Estrearán o festival Maurício Caruso Trío e o seu jazz brasileiro o mércores 11 ás 21.30h. O xoves será a quenda de pospunk acústico de Barbitúricos (20h) e o neofolk da banda Trilitrate (22h). Venres 13 e sábado 14 haberá dúas actuacións consecutivas a partir das 21h e 20.30h, respectivamente, comezando coa performance de 3 mulleres teatro os dous días, xunto á psicodelia de LOIROS o venres e KUM0 o sábado.

A semana do 16 arrancará cos concertos da banda de rock alternativo Battosai (20h) e a agrupación compostelá Brúa e amigos (22h) o luns e continuará o martes 17 co blues de Martins Aneiros Band (20h) e Zeltia e Irevire (22h). O mércores 18 será a quenda do jazz de Xan Campos Trío e o seu novo disco Realismo, moldeado polo produtor e rapeiro Hevi (20h) e o directo libre e impredicible de Filo (22h). O punto e final a esta edición, o xoves 19 de agosto, poranllo o rock de Biribirlocke mailo funk e o blus de Coolflanders (22h).

Entradas
As localidades para poder gozar das actuacións estarán á venda no local correspondente a cada concerto (Camalea, Modus Vivendi, Atlántico, Chocolate, O Pozo, Casa das Crechas, Literarios, A Gramola, Kapital, Borriquita de Belém, Paraíso, A Xuntanza, A Reixa, Embora e Momo A Rúa). Todas terán un prezo de 3€ e darán acceso a unha mesa en terraza cun máximo de 6 persoas, tendo en conta as restriccións vixentes contra a Covid-19 neste momento e a expensas do que as autoridades establezan de aquí ao inicio do festival. Toda a información relacionada coas distintas actuacións, espazos, horarios, entradas ou modificacións que puideran producirse estará dispoñible no festivalfeitoaman.gal

e redessociais do Feito a Man. 

Comentarios
Lo más