O prazo para presentar orixinais ao Premio Literario Mazarelos permanece aberto ata o 30 de setembro

O prazo para presentar orixinais ao Premio Literario Mazarelos permanece aberto ata o 30 de setembro
O prazo para presentar orixinais ao Premio Literario Mazarelos permanece aberto ata o 30 de setembro

O certame impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía e que chega á súa sétima edición, está dirixido a alumnado de grao, mestrado e doutoramento da USC, así como ao persoal investigador contratado da Universidade

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC convoca a sétima edición do Premio Literario Mazarelos, dirixido a fomentar a creatividade da mocidade universitaria e a desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír ao descubrimento de potenciais figuras da literatura en lingua galega.

Pode participar no concurso o alumnado de grao, mestrado e doutoramento da USC e o persoal investigador contratado da Universidade. Tales condicións deberán darse en calquera momento do ano 2021 anterior á finalización do prazo de presentación, o 30 de setembro de 2021.

As obras poden responder á modalidade aberta (en xénero e temática) ou á modalidade científica (a ciencia como tema ou pano de fondo; o xénero, libre). Cada autora ou autor pode presentar unha única obra a cada unha das modalidades, sendo esta orixinal, escrita en lingua galega e inédita.

Un xurado decidirá e outorgará os premios do certame, dotados con 600 e 400 euros na modalidade aberta, e 500 euros na modalidade científica, alén do correspondente diploma honorífico. O Concurso Literario Mazarelos conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Comentarios
Lo más