A rede Atlantic Cities, da que forma parte Santiago, insiste na necesidade de priorizar o transporte e as comunicacións no corredor atlántico para favorecer o seu desenvolvemento

A rede Atlantic Cities, da que forma parte Santiago, insiste na necesidade de priorizar o transporte e as comunicacións no corredor atlántico para favorecer o seu desenvolvemento
A rede Atlantic Cities, da que forma parte Santiago, insiste na necesidade de priorizar o transporte e as comunicacións no corredor atlántico para favorecer o seu desenvolvemento

O concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, asistiu  á Asemblea Xeral de Atlantic Cities, que se celebrou en Viana do Castelo, a cidade que lidera a rede dende o ano 2015. No encontro, presidido polo alcalde desta localidade lusa, José María Costa, escolleuse o novo presidente da entidade, Eneko Goia Laso, rexedor de Donostia/San Sebastián. A xornada pechou coa "Declaración de Viana do Castelo", no que as cidades participantes lembran ás autoridades europeas a necesidade de facer do corredor atlántico un corredor prioritario de transportes e comunicacións.

A asemblea celebrouse ao longo da mañá, dividida en dúas partes. Na primeira sesión, ademais de escoller o próximo presidente de Atlantic Cities, realizouse un seguimento das actividades desenvolvidas e do plan estratéxico; e presentouse a candidatura de Viana do Castelo a Capital Europea da Cultura 2027. Ademais, acordouse apoiar ás cidades integrantes da rede que concorran á citada candidatura de Capital Europa da Cultura, que son, polo momento, Viana do Castelo e Faro, en Portugal.

Na segunda sesión, aberta a convidados, debateuse sobre a conctividade no Atlántico, e máis concretamente na RTE-T, a Rede Transeuropea de Transporte. O encontro pechou coa "Declaración de Viana do Castelo", que leva por título "Por unha mellor estructuración do Corredor Atlántico e tendo en conta a conectividad das cidades atlánticas". Esta declaración recolle os axustes que as cidades atlánticas desexan que se realicen no Corredor Atlántico, para convertelo nun verdadeiro eixo de desenvolvemento do Arco Atlántico, no que é prioritario o transporte ferroviario.

En concreto, sinalan que a rede ferroviaria ao longo do corredor atlántico debe ser fortalecida, especialmente entre Bilbao e A Coruña, pasando por Asturias; e que este corredor debe incluir un tramo entre Vigo e Porto que poida garantir a circulación entre A Coruña e Lisboa, que neste momento carecen desa conexión, creando unha fronteira articial entre Galicia e o norte de Portugal.

Por este motivo, os membros de Atlantic Cities reclaman que as ligazóns que faltan no corredor atlántico sexan tidas en conta pola política de transportes da Unión Europea e piden que se lle dea prioridade para promover unha verdadeira cohesión territorial en Europa.

Atlantic Cities
Atlantic Cities é unha asociación composta por 20 autoridades locais, entre elas Santiago de Compostela, que representan a case 400 municipios. Foi fundada o 7 de xullo de 2000 en Rennes, por D. Edmond Hervé (entón alcalde da cidade). O obxectivo era crear unha rede con e para as cidades situadas na vertente europea do Océano Atlántico. Así, a asociación proponse desenvolver a cooperación entre os seus membros e que estes sexan escoitados polas institucións comunitarias, sen esquecer o diálogo cidadán no ámbito continental.

Os membros de Atlantic Cities son, ademais de Santiago de Compostela, Cork, Lisboa, Faro, Viana do Castelo, A Coruña, Avilés, Donostia San Sebastián, Xixón, Las Palmas de Gran Canaria, Santander, Deputación Foral de Gipuzkoa, A Rochelle Agglomération, Brest Métropole , Grand Poitiers, Cherbourg en Cotentin, Lorient Agglomération, Rennes e Rennes Métropole, Saint Nazaire Agglomération. As linguas oficiais son: español, portugués, francés e inglés. 
Comentarios