A explosión da voz das mulleres protagoniza a Respira!

A explosión da voz das mulleres protagoniza a Respira!
A explosión da voz das mulleres protagoniza a Respira!

A terceira entrega do festival terá lugar os días 21 e 22 de setembro con senllos recitais de grande impacto: "O ruído do lume (A palabra en combustión de dez poetas galegas)" e "Atravesei a cerca" en tres espazos pouco coñecidos da cidade.

O festival Alguén que respira!, organizado polo Concello de Santiago, celebra a súa terceira entrega deste ano os días 21 e 22 de setembro con dous recitais de grande impacto. Nesles, non soamentes poderemos ver e escoitar no Teatro Principal a algunhas das poetas máis escitilantes dos últimos anos en Galicia senón que tamén visitaremos tres espazos singulares da cidade para presenciar as propostas menos convencionais de tres creadores: Séchu Sende, Castillo Suárez e Javier Peñafiel.


O recital do día 21 xa é, de antemán, histórico. Co título O ruído do lume (A palabra en combustión de dez poetas galegas), o Teatro Principal reunirá a boa parte das mulleres que nestes últimos anos protagonizaron un novo renacer da poesía galega. A súa forza e personalidade non só marcaron as crónicas literarias en Galicia senón que tamén se converteron en referentes peninsulares e en admiradas poetas internacionais. Proba desa explosión son os premios nacionais que recibiron nos últimos anos Pilar Pallarés, Olga Novo ou Alba Cid, estas últimas presentes no recital do día 21. Canda elas estarán Yolanda Castaño, Luz Pichel, Elvira Ribeiro, Miriam Ferradáns, Eva Veiga, Luz Fandiño, Andrea Nunes e Chus Pato. Trátase dun auténtico acontecemento que porá no escenario o fío interxeracional máis prodixioso da literatura galega.

Para a segunda xornada, a do día 22, o festival recupera a sección Atravesei a cerca, que o ano pasado non puido celebrarse polas limitacións do protocolo sanitario. E como agora tamén habería problemas para articulalo no Teatro Principal, a organización decidiu levalo a espazos exteriores, aínda mantendo as limitacións de aforo. Deste xeito, os afeccionados terán oportunidade de visitar espazos que de maneira habitual non están abertos ao público, como o museo ao aire libre de Berto Leis, un ferreiro que creou unha sorprendente paisaxe nas hortas da Costa do Vedor. Completan os escenarios do recital a terraza do restaurante A Maceta na rúa de San Pedro e a sorprendente terraza do centro sociocultural da Trisca, na Corredoira das Fraguas.

O percorrido comeza ás 19,30 horas na Maceta cos versos de Séchu Sende e continúa ás 20 horas na Trisca co performer e activista aragonés Javier Peñafiel. Por último, ás 20,30, a poeta vasca Castillo Suárez lerá os seus poemas no museo de Berto Leis.

Nesta cuarta edición, o Alguén que respira! celébrase ao longo do ano en catro programas, coincidindo sempre nos días 21 de solsticios e equinoccións. O pasado 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– o festival inaugurouse co manifesto de Manuel Rivas e un recital titulado + ou - 21 , en referencia á idade media dos poetas que integran o programa, e contou coas voces de Iago González, Belén Senín, Maria Bras, Martin Bidaur, María Isern e Mario Obrero. No 21 de xuño, foi a quenda do músico e performer portugués Miguel Azguime, ademais da sesión de regueifa con Manuel Maseda, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Xurxo Souto.

O festival do 2021 clausurarase o próximo 21 de decembro, tras un ano de actividade.

O festival
O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.
Comentarios