O outono chegará á Baña con espectáculos teatrais e musicais para as familias todos os venres

O outono chegará á Baña con espectáculos teatrais e musicais para as familias todos os venres
O outono chegará á Baña con espectáculos teatrais e musicais para as familias todos os venres

Os Campantes da Baña amenizarán as festas en San Vicenzo e Xiradela ofrecerá unha alborada nas patronais de San Cibrán de Barcala

O outono chega cargado de novidades e espectáculos teatrais, musicais e de narración oral para a veciñanza da Baña, que poderá gozar de ata dezaseis funcións familiares todos os venres ás seis da tarde, entre o 10 de setembro e o 17 de decembro. Compañías e artistas de recoñecido prestixio en Galicia, como Barafunda, Pakolas ou Fran Rei, entre moitos outros, actuarán no Outono Cultural 2021 no local social de San Vicenzo, que contará con todas as medidas de seguridade ditaminadas polas autoridades sanitarias.

Ademais, o Concello da Baña programou actuacións musicais para amenizar as festas parroquiais. Marcadas no calendario están a actuación dos Campantes da Baña na igrexa do Castro o mércores 8 de setembro, coincidindo coas festas de San Vicenzo; ou a alborada de Xiradela en San Cibrán de Barcala o mércores 15 de setembro. A estes eventos festivos súmase a I Romaría Xacobea, que se celebrará no Seilán o domingo 26 de setembro entre as once da mañá e as oito da tarde.

Os venres do Outono Cultural 2021

A programación cultural dos venres bota a andar no local social de San Vicenzo días antes da chegada do outono. En concreto, este venres 10 de setembro Fran Rei ofrecerá a partir das seis da tarde Historia de Brancaflor, unha montaxe para público familiar que combina a narración con xogos de maxia. O 17 de setembro Bandullo Azul presentará Filipa cos contos, un espectáculo con narración e monicreques. O circo de rúa aderezado con moito humor chegará da man de Kote Malabar e o seu Cirkote o 24 de setembro.

Xa en outubro, abrirá o mes Barafunda coa montaxe O censor dos monstros. Unha semana despois, o día 8, Tarabelos sorprenderá ao público cun espectáculo de contacontos debuxado ao 100% que leva por título Debulendo lendas. Os Versos para perder medos de María Canosa serán de moita utilidade para combater aquilo que asusta aos máis pequenos e pequenas; o venres 15 de outubro. Xa co Samaín no horizonte, o día 22, Sonsoles Penadique presentará Historias con susto para durmir a gusto. E pechará o mes de outubro Brais das Hortas cun Conssertasso na horta para público infantil.

En novembro están previstas as actuacións de Pedro Brandariz, con Heroes e heroas, o día 5; Pakolas, con Rockeamos todas con Pakolas o día 12; Moco Moc, con Circo na casa, o día 19; e Tarabela Creativa, con Divas de diván, o día 26. Fran Rei actuará de novo na Baña o 3 de decembro, desta volta co Conto da Barriga Verde. Completan as funcións de decembro Raquel Queizás, con Nano canta croac, o día 10; a maxia de Dani Polo o 12 de decembro ás 12 do mediodía e a visita da Apalpadora, con Iseo A Moura, o día 17.

Todas as funcións están dirixidas a público familiar e comezan ás seis da tarde, agás a actuación de Dani Polo prevista para o 12 de decembro ás 12 do mediodía. O Outono Cultural 2021 está organizado polo Concello da Baña a través do Servizo de Normalización Lingüística e conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.

Comentarios
Lo más